Guadalupe Piñera e Elizabeth Abalo guiaron aos asistentes polas correntes máis actuais da arquitectura
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reflexionou no Gaiás sobre a nova arquitectura galega con dúas autoras que están a despuntar: Guadalupe Piñera e Elizabeth Abalo. Este debate tivo lugar na segunda sesión de ‘Nexos 2016’, ciclo de cultura contemporánea da Cidade da Cultura.
Baixo o título ‘Novísimas miradas da arquitectura galega’, a sesión desta mañá trazou unha panorámica sobre esas novas olladas, nun momento no que en Galicia agroma unha extraordinaria xeración de profesionais que están a obter recoñecemento fóra das nosas fronteiras. Da man de Guadalupe Piñera, do estudo Irisarri-Piñera; e Elizabeth Abalo, de abalo alonso; os asistentes ao auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia puideron reflexionar sobre estas novas correntes que se albiscan no futuro inmediato.
Tras os relatorios, a sesión contou coa estrea do espectáculo poético-musical ‘O lugar que non hai’ a cargo do pianista Pablo Seoane e o poeta Estevo Creus. Nel, os dous artistas ofreceron unha sesión de improvisación na que texto e música indagan sobre a significación do espazo a partir da ausencia, do que non hai.
E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes foron convidados tras a sesión a un viño e un petisco por cortesía da bodega Martín Códax e Pan do Mar, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.
Sesión para nenos
A sesión desta mañá contou tamén cunha actividade especial para nenos de 6 a 12 anos, que se achegaron á arquitectura a través de diferentes deseños, planos e debuxos para logo construír a que será a casa dos seus soños.
13 abril: Shakespeare e Cervantes
‘Nexos’ volverá o 13 de abril cunha sesión na que se celebrará o cuarto centenario da morte de Shakespeare e Cervantes. Para recordar esta grande efeméride das letras universais, ‘Nexos’ contará co relatorio do escritor e xornalista Juan Bonilla, ao que seguirá o concerto ‘Músicas arredor de Cervantes e Shakespeare’ do Grupo 1500 de Música Antiga, que interpretará pezas vocais e instrumentais recollidas directamente da obra de ambos escritores, ademais doutras coetáneas que reflicten o ambiente musical (cortesán e popular) daquel momento histórico.
As inscricións para esta sesión abriranse o 14 de marzo e, como sempre, a asistencia será de balde.