Friday 22 de November de 2024

A Xunta anima a participar nos ‘Outonos Cooperativos’ co gallo de visibilizar a fórmula cooperativa no marco da economía social


— Haberá dúas xornadas de encontro, a primeira o venres 15 deste mes de novembro en Rodeiro e a segunda o martes 19 na praza de abastos de Santiago, dando a coñecer o traballo da cooperativa O Rodo e da que xestiona o mercado compostelán

— En horario de mañá e abertos tanto ás persoas asesoradas na Rede de polos de emprendemento como a calquera interesada no cooperativismo, quen desexe acudir deberá inscribirse no seguinte formulario, cun límite de 50 prazas en cada caso

— Os actos constarán de visitas guiadas ás cooperativas anfitrioas, ademais de faladoiros, obradoiros de cociña e actuación musicais

— A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración organiza a iniciativa da man das entidades representativas das cooperativas galegas

A Xunta anima ás persoas asesoradas na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, así como a calquera profesional do cooperativismo ou interesado neste eido da economía social, a participar nos Outonos cooperativos, unha iniciativa que busca visibilizar esta fórmula económica solidaria e pegada ao territorio a través de experiencias reais. En concreto, haberá unha xornada de visibilización o próximo venres 15 de novembro na cooperativa O Rodo do concello pontevedrés de Rodeiro e unha máis o martes 19 na praza de abastos de Santiago de Compostela. Quen queira acudir deberá inscribirse mediante o seguinte formulario.

Os encontros están promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da man das entidades representativas das cooperativas galegas. As dúas xornadas serán en horario de mañá, cun aforo máximo de 50 participantes en cada unha.

O programa de actividades constará dunha visita guiada á cooperativa que acolle cada xornada, dun faladoiro protagonizado por representantes de proxectos cooperativos, dun obradoiro de cociña con produtos de tempada, locais e de orixe cooperativa e dunha actuación musical.

Programas concretos
No caso da xornada de Rodeiro do día 15, a visita guiada será á cooperativa agroalimentaria O Rodo ás 12,00 horas, seguida dun faladoiro ás 12,30 h. sobre experiencias de participación en cooperativas a cargo de representantes da propia O Rodo, da cárnica cunícola Cogal, da consultora Abeluria e do proxecto de educación social e ambiental Educalecrín.

Canto ao encontro de Santiago do día 19, a visita guiada -tamén ás 12,00 h.- será por parte da sociedade cooperativa galega que xestiona a praza de abastos compostelá, mentres o faladoiro das 12,30 h. contará cos responsables desta entidade, así como do proxecto artesán Creativas Galegas, da empresa de educación socioambiental Feitoría Verde e da distribuidora agrícola Delagro.

En ambos casos, o obradoiro de cociña -a partir das 13,30 h.- correrá a cargo de Diego López, propietario e chef do restaurante lalinense La Molinera, destacado por reinventar os pratos da cociña tradicional galega de forma innovadora e que nestas citas apostará por incluír nas súas receitas produtos locais de tempada e, ademias, procedentes de cooperativas galegas.

Por último, a actuación musical nas dúas xornadas estará protagonizada por Claudia Abril e Marina Carpente, cuxo proxecto de folk contemporáneo está caracterizado polas melodías tradicionais galegas e ibéricas adaptadas ás sonoridades actuais. Entre os instrumentos que empregan atópanse a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk.

Deja un comentario