Friday 22 de November de 2024

López Campos destaca en Ciadella os traballos de conservación e a apertura dos xacementos ao público


— O representante da Xunta resalta a importancia das accións destinadas “tanto á investigación e preservación como ao acceso da poboación para o seu coñecemento”

— Resalta a aula interpretativa como un “reforzo fundamental para difundir o patrimonio”

— A Administración autonómica inviste 74.000€ neste 2024 en actuacións arqueolóxicas en sete concellos da provincia da Coruña

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá en Sobrado o campamento romano de Ciadella, onde veñen de rematar as actuacións incluídas no Plan de intervencións arqueolóxicas da Xunta neste 2024 destinadas, no caso deste xacemento, a labores de conservación e mellora das condicións para o acceso do público.
Neste senso, o representante do Goberno galego destacou a importancia de “poñer en valor estes enclaves históricos con accións destinadas tanto á súa investigación como á súa preservación e apertura á poboación para o seu coñecemento”. De feito, López Campos acompañou a un grupo de visitantes nun percorrido guiado que mostrou os últimos avances no xacemento, un dos dous fortes militares estables da época romana que se conservan actualmente en Galicia, xunto con Aquis Querquennis na localidade ourensá de Bande.
Tal e como lembrou o responsable de Cultura da Xunta, as campañas postas en marcha desde a Dirección Xeral de Patrimonio “permiten, ademais, seguir facendo achados que enriquecen a nosa historia”. Así, nestes últimos traballos no campamento de Ciadella foi descuberta unha ara romana que fora reaproveitada nun dos muros da infraestrutura e que será restaurada nos vindeiros meses. Así mesmo, tamén se dotou ao espazo dunha aula interpretativa artellada ao abeiro das distintas actuacións realizadas neste sitio histórico nos últimos tempos, un recurso que “supón un reforzo fundamental no obxectivo de difundir o patrimonio entre a cidadanía”, destacou López Campos.
Ademais dos labores desenvolvidos en Ciadella, cun orzamento de 16.758€, na provincia da Coruña tamén se incluíron no Plan de actuacións a escavación arqueolóxica e as tarefas de conservación no Castro de Sarridal, un xacemento fortificado da Idade do Ferro situado preto de Cedeira, e outros traballos nos concellos de A Laracha, Zas, Noia, Boiro e Ribeira. En total, seis proxectos en sete concellos aos que se destinan 74.154€.
Trátase dunha folla de ruta que, tal e como explicou o conselleiro de Cultura, vén dar continuidade aos traballos destes últimos anos destinados “a poñer en valor a riqueza cultural de Galicia e seguir investigando sobre a gran variedade de xacementos históricos que se atopan na Comunidade” con campañas que se levan a cabo en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos. Este ano as actuacións chegaron a 31 enclaves das catro provincias cun investimento de máis de 550.000€.
Sobre o campamento de Ciadella
O campamento romano, un dos catro que son titularidade da Xunta, sitúase no lugar da Igrexa, na parroquia de Santa María de Ciadella. Trátase dun forte militar de época romana, de planta rectangular e esquinas redondeadas, cunhas dimensións aproximadas de 178 metros por 148 metros, e cunha extensión de 2,63 hectáreas, delimitado por unha muralla e un foso no seu perímetro. O seu interior aparece planificado cunha trama ortogonal pola que se distribuían as diferentes edificacións militares feitas en pedra (barracóns, pretorio, principia, hórreos…) das que se escavaron fundamentalmente as situadas no sector central do campamento. O recinto, foi ocupado entre o século II e o IV d.C. pola unidade militar cohors I Celtiberorum.

Deja un comentario