Friday 22 de November de 2024

Manuel Teira convidou a entrar na súa poesía introspectiva coa presentación na Pobra de Cadernos da desmemoria


Cincuenta poemas para reflexionar sobre a vida e a existencia a través dunha linguaxe rica e complexa. Elaboradas composicións en verso que son exemplo dunha poesía introspectiva. Manuel Teira aborda en Cadernos da desmemoria a nostalxia, o desarraigamento, a perda, a busca do eu, o labirinto…

“A arte é unha versátil e poderosa ferramenta para amosar a nosa visión da realidade. E aquí temos como exemplo a Manuel Teira, un recoñecido artista que tamén explora a literatura. Esculpe figuras en rochas, dota de cor ao lenzo e tamén grava palabras en papel. Neste Cadernos da desmemoria convídanos a entrar, en certa maneira, na súa memoria, que tamén se pode interpretar como a memoria colectiva, para emprender unha viaxe polos sentimentos e polo sentido” declarou o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, durante o acto de presentación que tivo lugar na tarde deste venres 8 no teatro cine Elma. Alí acompañou ao escritor, quen tamén estivo arroupado pola vicepresidenta da A. C. Barbantia, Isabel Santos, e o vogal desta entidade, Manuel Cartea. E o toque musical correu a cargo da Escola de Música da Pobra.

Na súa intervención, o rexedor gabou a traxectoria de Teira e felicitouno pola súa participación activa na vida cultural da Pobra, pois “nos últimos anos estivo presente no Olladas na rúa, creou a ilustración do 3º Ciclo Victoriano García Martí, elaborou a escultura pola memoria histórica que loce nos Xardíns de Valle-Inclán e expuxo na casa da cultura unha serie de ilustracións inspiradas nos libros Iluminacións e Unha tempada no inferno, de Arthur Rimbaud; algunhas das cales figuran no volume impreso que compila ámbolos traballos poéticos con tradución e notas a cargo de Manuel Cartea e prólogo de Xesús Laíño. Desfrutamos do seu talento na escultura, na pintura, e toca facelo tamén na literatura.”

Deja un comentario