Friday 22 de November de 2024

A CREBA presenta os seus servizos e a situación das mulleres ante a violencia de xénero na Mesa de Coordinación Institucional fronte a Violencia de Xénero de Lousame


O salón de plenos lousamiá acolleu esta mañá a decimoquinta xuntanza da Mesa, presidida pola concelleira de Igualdade Silvia Agrafojo

O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu esta mañá a decimoquinta xuntanza da Mesa Local de Coordinación Institucional fronte a Violencia de Xénero, que estivo presidida por Silvia Agrafojo, concelleira Igualdade e Servizos Sociais. Unha reunión na que a traballadora social da asociación pro saúde mental “A Creba” presentou os servizos da entidade e a situación das mulleres deste colectivo diante da violencia de xénero.

Silvia Agrafojo agradeceu a participación de A Creba nesta reunión “pois xa na anterior reunión de maio escoitamos a experiencia doutra asociación da comarca como é MISELA e penso que resulta moi interesante para os integrantes desta Mesa de Coordinación Institucional coñecer tanto os recursos como as necesidades que teñen asociacións como A Creba para seguir avanzando en materia de igualdade e na loita contra a violencia machista”.

Resto da reunión

Na reunión desta mañá participaron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno; a directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; a directora e a psicóloga do CIM de Noia; a enfermeira Centro de Saúde de Lousame; o novo sarxento do posto da Garda Civil de Noia e a cabo do equipo VIOXÉN do mesmo posto; a traballadora social de Lousame; e a técnica da Concellería de Igualdade e secretaria da Mesa. Todas elas interviron para actualizar a información sobre as actuacións levadas a cabo no municipio.

Así mesmo, a Mesa informou sobre o estado da guía “Caixa de ferramentas”, cos diferentes recursos de atención ás mulleres e promoción da igualdade que está a elaborar a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia para o seu uso polas Mesas Locais; tomou coñecemento sobre as actuacións levadas a cabo no ámbito municipal de Lousame na área de formación en prevención da violencia contra as mulleres; actualizaron as informacións sobre as actuacións levadas a cabo no municipio e a concelleira Silvia Agrafojo aproveitou para presentar a campaña “Quérenme ben…”, que o Concello de Lousame vai poñer en marcha este mes para conmemorar o 25 de novembro.

Deja un comentario