Hoxe pola maná celebrouse a convocatoria para presentar os concursos de embelecemento do Nadal, ao acto asistiron o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Consumo, Veva Betanzos e a concelleira de Cultura, Antía Alberte.
Antía Alberte abreu o acto para dar a coñecer as bases que ven de aprobar a Xunta de Goberno Local para poñer en marcha o concurso de embelecemento de Nadal nas modalidades de fachadas, balcóns ou xardíns e nas modalidades decoración hostaleira e de decoración de escaparates nos establecementos comerciais do municipio.
Esta é unha actividade promovida polas áreas de Cultura e Comercio do Concello de Ribeira cun dobre obxectivo: por unha parte favorecer, poñer en valor, incentivar e dinamizar a participación do tecido económico do municipio (hostalería e comercio) nas celebracións de Nadal favorecendo así a promoción das compras nos negocios locais, e por outra parte, animar á veciñanza do municipio a embelecer as súas vivendas nestas datas de Nadal.
O prazo para anotarse neste concurso, independentemente da modalidade á que se opte, será o mesmo e os interesados e interesadas deberán inscribirse ata o mércores 18 de decembro. E as decoracións deben estar expostas como mínimo dende o luns 16 de decembro de 2024 ata o luns 6 de xaneiro de 2025.
As bases completas deste certame estarán colgadas na páxina web do concello no apartado novas e no taboleiro de anuncios.
Na modalidade de DECORACIÓN DE FACHADAS BALCÓNS E XARDÍNS poderá participar calquera persoa empadroada en Ribeira de xeito individual ou colectivo e maior de idade, cunha participación por persoa/colectivo. As decoracións e adornos teñen que ser típicos de Nadal e deberán manterse como xa se dixo como mínimo dende o luns 16 de decembro de 2024 ata o luns 6 de xaneiro de 2025.
Só poderán participar no concurso aqueles traballos de decoración de fachadas, balcóns e xardíns radicados no municipio que sexan visibles dende a vía pública, non aceptando aqueles que afecten ao interior de vivendas nin aqueles en exterior que non se contemplen facilmente por calquera viandante.
As persoas participantes deberán enviar un máximo de 3 fotografías nas que se poida apreciar e valorar a decoración realizada. Así mesmo, e de xeito opcional, poderá enviarse tamén un vídeo da decoración dunha duración máxima de 15 segundos. Non terán validez os collages nin tampouco aquelas participacións que non veñan acompañadas da ficha de participación.
Os interesados en participar neste concurso poderán inscribirse gratuitamente ata o mércores 18 de decembro de 2024, enviando a ficha de participación cuberta así como as imaxes ao correo electrónico culturaefestexos@ribeira.gal
Con respecto aos premios, entregaranse un total de 10 premios que consistirán en cestas con produtos navideños, distribuídos do seguinte xeito:
● Un premio en cada parroquia cunha cesta por valor de 180 €. ● Un premio especial para a mellor decoración do municipio cunha cesta por valor de 300 €.
O fallo do xurado realizarase na última semana do mes de decembro de 2024 e posteriormente farase o acto de entrega dos premios para o cal se volverá a convocar tanto aos premiados/as como aos medios de comunicación.
A concelleira de Comercio, Veva Betanzos centrose en debullar os detalles da modalidades de decoración de comercios, escaparates e locais hostaleiros que como se dixo “ten como obxectivo incentivar e dinamizar a participación do tecido económico do municipio nas celebracións de Nadal favorecendo así a promoción das compras nos negocios locais”.
Así pois poderán participar no concurso locais de hostalería e comercios e/ou negocios que estean localizados no termo municipal de Ribeira. A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o luns 16 de decembro de 2024 ata o luns 6 de xaneiro de 2025, ambos os dous incluídos.
As persoas participantes deberán enviar ata o mércores 18 de decembro de 2024 a ficha cuberta e un máximo de 3 fotografías nas que se poida apreciar e valorar a decoración realizada así como opcionalmente un vídeo de máximo 15 segundos.
Neste caso as inscricións formalizaranse no correo electrónico da área de comercio que é comercio@ribeira.gal ou por whatsApp no teléfono 686587000.
En canto aos premios entregaranse un total de 4 (dous para a modalidade de hostalería e dous para a decoración de escaparates de comercios) e consistirán en cestas con produtos do nadal, distribuídos do seguinte xeito:
Para a modalidade de DECORACIÓN DE HOSTALERÍA:
1º premio será unha cesta por valor de 300 € .
2º premio será unha cesta por valor de 200 € .
Para a modalidade de DECORACIÓN DE ESCAPARATES DE COMERCIOS: 1º premio será unha cesta por valor de 300 € .
2º premio será unha cesta por valor de 200 € .
O fallo do xurado realizarase na última semana do mes de decembro de 2024 e posteriormente farase o acto de entrega dos premios para o cal se volverá a convocar tanto aos premiados/as como aos medios de comunicación.
Suárez-Puerta pechou o acto animando á veciñanza a participar nos concursos así como ”a mercar para o Nadal no comercio local”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.