Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza un obradoiro de auto coñecemento para o coidado da saúde feminina a partir dos 50 anos


O luns abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro de auto coñecemento para o coidado da saúde feminina a partir dos 50 anos, que forman parte do programa municipal Coñecerse é vivirse. A través deste obradoiro, desenvolveranse ferramentas dirixidas a mellorar as estratexias para un estilo de vida máis positivo e saudable. Para isto, daranse a coñecer os principais aspectos médicos para o coidado da saúde feminina durante a menopausa e post-menopausa e os cambios a nivel físico que se producen coa chegada da mesma, proporcionando ferramentas para abordar estes cambios. Ao tempo, reflexionarase sobre os imaxinarios sociais e culturais arredor dos corpos das mulleres nestas etapas, desmentindo os mitos, tabús e connotacións negativas que adoitan darse. Todo isto coa finalidade de enriquecer as nosas miradas cara esta etapa e comprender a importancia de tomar as rendas da nosa propia saúde. Ademais, darase resposta ás inquietudes das participantes, reflexionando sobre as súas vivencias e ofrecendo información que sirva como base para a toma de decisións desde a autonomía e o coñecemento.

Este obradoiro está dirixido a mulleres a partir dos 50 anos empadroadas no Concello de Oleiros, e realizarase no Centro Municipal de Formación ‘Isaac Díaz Pardo’ (Rúa Regos 24, Urbanización Os Regos) o martes 26 de novembro, en horario de 19:00 a 21:00 h. O número de prazas é limitado e, para participar, é necesario realizar a inscrición previa a través da páxina web do Concello, no apartado Participa, na categoría de Actividades Sociais, desde o luns 11 ao xoves 21 de novembro.

Coñecerse é vivirse é un programa no que se desenvolven distintas actividades dirixidas a mulleres, e que ten como finalidade aumentar o auto coñecemento arredor do propio corpo. Nas anteriores edicións do Coñecerse é vivirse, traballouse arredor da menopausa, a sexualidade e o coidado do chan pelviano.

Para obter máis información é posible chamar ao 981 610 000 – extensión 3503 – ou enviar un correo a igualdade@oleiros.org.

Deja un comentario