Friday 22 de November de 2024

O Teatro Colón acollerá o 22 de novembro o 30 aniversario do bravú


O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou o evento, que consistirá na proxección do documental BRAVÚ XXX e a actuación de Orquestra Bravú Xangai con numerosos invitados

Este outono cúmplense trinta anos da fundación do movemento bravú, un movemento cultural e musical que o revolucionou todo en Galicia e moito desde A Coruña. Para conmemorar a efeméride, Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión e que conta coa colaboración do Concello.

O filme presentarase na Coruña o día venres 22 de novembro, ás 21.00 horas, no Teatro Colón, nun evento aberto a todos públicos e con entrada de balde até completar aforo, sen necesidade de invitación previa. O evento pretende ser a gran festa do trinta aniversario do bravú na cidade herculina e ademais de poder asistir á presentación e ver o filme, todas as persoas poderán gozar do concerto en directo da Orquestra Bravú Xangai, con colaboracións de músicos moi especiais e ligados ao bravú e algunha que outra sorpresa máis.

O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que estivo acompañado por Xurxo Souto e Sés, que tamén participa no documental. Por parte de Nós Televisión participou a xornalista Ana Viqueira. “O Goberno de Inés Rey é moi consciente da repercusión que ten A Coruña a nivel histórico para a música en galego e, neste caso, para un xénero que tivo unha gran repercusión na Coruña e supuxo toda unha revolución cultural a nivel galego”, dixo Gonzalo Castro. Pola súa banda, Xurxo Souto e Sés fixeron fincapé na “fonda pegada que deixou o bravú na cosmovisión dunha Galicia aberta, moderna e ambiciosa no cultural, rachando tópicos”. Souto agradeceu que “o Bravú chegue a un espazo tan simbólico como o Teatro Colón”.
O do 22 de novembro será un concerto moi especial, xa que ao escenario subirán cantar e tocar temas coa Orquestra Bravú Xangai músicos como Sés, Xosé Manuel Pereiro, Gabi dos Vacalouras, Richi dos Rastreros, Benxa dos Impresentables ou Rafa do Caimán do Río Tea, entre outras sorpresas, nunha noite única para celebrar o bravú.

BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.

Deja un comentario