Friday 22 de November de 2024

O Concello reforza o servizo municipal BiciCoruña coa incorporación dunha nova furgoneta eléctrica para axilizar o sistema de distribución de bicicletas


A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou os avances que está a experimentar o servizo, no que se prevé incrementar a 85 o número de estacións na cidade, cara a barrios como Xuxán ou Visma

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, presentou hoxe a nova furgoneta eléctrica adquirida polo Concello para reforzar o servizo de repartición diaria de bicicletas entre as 49 estacións de BiciCoruña que hai operativas actualmente entre os barrios da cidade.

A incorporación deste vehículo enmárcase no plan de mellora e expansión do servizo que está a impulsar o Goberno de Inés Rey, que, a medio prazo, prevé aumentar a 85 o número de bases, co obxectivo de satisfacer a demanda actual e tamén as necesidades específicas que hai en distritos como Xuxán, San Pedro de Visma, A Gaiteira e Palavea, onde se habilitarán novas estacións.
“A expansión de BiciCoruña é un traballo de continuidade, que atende ás demandas veciñais e tamén á evolución dos fluxos de mobilidade na cidade”, expuxo Díaz ante a base de Porta Real, unha das que rexistra máis usos diarios, en parte polos desprazamentos de tipo laboral e tamén pola demanda das e dos turistas. A concelleira lembrou que, precisamente por isto, “é importante traballar tanto na instalacións de novas bases nos barrios como no reforzo das estacións máis susceptibles de conxestión”, como tamén pasa a carón da estación intermodal.

Por este motivo, o Concello adquiriu esta nova furgoneta de repartición para mellorar o servizo municipal de BiciCoruña, necesaria para distribuír as bicicletas eléctricas e mecánicas, tamén para axilizar e atender as futuras demandas do sistema.

Esta medida súmase á recente adxudicación do novo sistema de software TIC de BiciCoruña, co obxectivo de que estea operativo 24×7 todos os días do ano. Tal e como informou semanas atrás a alcaldesa, Inés Rey, a empresa Serveo Servicios será a encargada do mantemento e evolución deste software, cun investimento de 1,2 millóns de euros, a cinco anos vista.

Deja un comentario