A Xunta establece dous instrumentos de participación: a celebración de 50 obradoiros e unha plataforma web participativa, tal e como se fixo para a elaboración do Catálogo das Paisaxes
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia o proceso de participación pública para a elaboración das Directrices da Paisaxe de Galicia.
Tal e como fixera –entre setembro e novembro de 2015- para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, ábrese un período de participación cidadá para a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, nesta etapa orientado á elaboración das Directrices de Paisaxe. O procedemento desenvolverase fundamentalmente a través de dous instrumentos: unha plataforma web participativa e a celebración de 50 obradoiros, un en cada comarca paisaxística.
A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, os cales “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.
Co obxectivo de incrementar a participación acadada no proceso de elaboración do Catálogo (durante o cal se levaron a cabo 12 obradoiros oficiais), para o desenvolvemento das Directrices realizaranse 50 talleres participativos, un en cada unha das 50 comarcas paisaxísticas de Galicia. Deste xeito trátase de garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.
Estes obradoiros complementaranse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa dende calquera lugar e en calquera momento poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma estará dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe a partir do xoves 25 de Febreiro.
Primeiro obradoiro nas Pontes
Durante o mes de febreiro celebranse os seis primeiros obradoiros. O primeiro deles será en As Pontes, o día 25 ás 18,30 horas, na aula CeMIT da Casa do Peso.
Nesta actividade práctica os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.
No obradoiro traballarase coa plataforma web, a través do cal os participantes -e calquera persoa dende a súa casa- poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.
Os participantes, tanto neste obradoiro como nos restantes, comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección atlaspaisaxe.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755 / 981541756.