Sunday 24 de November de 2024

Neda proxectará o vindeiro xoves o documental que conmemora o 30 aniversario do movemento bravú


Neda será un dos 25 municipios da provincia nos que se estreará “Bravú XXX”, documental producido por Nós Televisión para conmemorar o 30º aniversario dese movemento musical. A Casa da Cultura acollerá o xoves, 14 de novembro, a proxección do audiovisual, que está incluído na programación do ciclo Outono das Artes, que promove a Deputación da Coruña.
“Bravú XXX” é un documental con formato de road movie no que Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto, invoca o ‘cosmos’ e o espírito do movemento cultural que marcou a historia da música galega trinta anos despois do se nacemento.
No filme, que se proxectará a partir das 19 horas, Souto emprende unha viaxe que nos achega ao bravú, conectándoo e explicándoo desde dentro da historia musical de Galicia, e abordándoo coma unha viaxe colectiva, espontánea, honesta e aberta a todas e todos os espectadores.
O itinerario de Souto fai paradas para conversar con protagonistas e herdeiros do bravú. E así, haberá encontros con Paola Beiro (das Garotas da Ribeira), Nuno Pico (de Grande Amore), Xosé Manuel Pereiro (o Johnny Rotring de Radio Océano), Sés ou Vacalouroas.
A proposta cultural, con entrada de balde, chega á localidade no marco dunha xira por toda a provincia, que se prolongará durante todo o mes de novembro.