Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño pon en marcha este venres unha nova edición do ciclo “Apostando polo sector primario”


Durante tres días de novembro (o 8 o 15 e o 16) a Casa da Xuventude de San Sadurniño volverá acoller as xornadas “Apostando polo sector primario”, organizadas polo Concello coa colaboración da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a AGFA do Eume. Un ciclo que, un ano máis, nos achegará casos de éxito na reactivación do medio rural, ademais dalgunhas claves para avanzar na sostenibilidade e na soberanía alimentaria. As charlas comezarán este venres 8 de novembro ás 19:00h cunha sesión sobre o “Envasado e comercialización de produtos apícolas”, impartida polo apicultor e técnico da Casa do Mel Iago Vilela.

Este primeiro encontro ofrecerá información sobre as posibilidades económicas do mel e doutros produtos das abellas -pole, própole, xelea, cera…-, ademais de abordar a normativa reguladora, o etiquetado, a presentación e as estratexias para posicionar no mercado un produto diferenzado que teña boas perspectivas comerciais.

Ao rematar, as persoas asistentes poderán visitar o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla en Moeche, que conta cun espazo específico para a extracción e transformación de produtos apícolas.

A programación de “Apostando polo sector primario” continuará o venres 15, tamén ás 19:00h, co profesor e investigador Tonecho Meixide, quen falará sobre os retos e oportunidades do sector froiteiro galego, que ten altas posibilidades de crecemento debido á demanda de produtos de proximidade e alta calidade.

O ciclo concluirá o sábado 16 de novembro con outras dúas charlas, a primeira ás 10:00h sobre o proxecto agroalimentario EoAlimenta que se está desenvolvendo a unha e outra beira do río Eo; e a segunda ás 12:00h coñecendo a experiencia de tres mulleres que xa están elaborando os seus produtos nas instalacións do espazo colaborativo A Fusquenlla.

Deja un comentario