Friday 22 de November de 2024

O goberno local informa dos avances do Polígono Industrial e reafirma o compromiso co desenvolvemento económico de Ribeira 


O Concello de Ribeira mantivo hoxe unha reunión informativa coa Asociación de Empresarios da localidade para dar conta dos avances no proxecto do polígono industrial de Pedras Vermellas. Durante o encontro, o equipo de goberno detallou os pasos realizados ata a data e reafirmou o seu compromiso con esta infraestrutura para a dinamización económica do municipio. 

O alcalde de Ribeira, acompañado polo segundo tenente de alcalde, a concelleira de Facenda, a concelleira de Promoción Económica e o persoal técnico municipal, informaron de que nos últimos meses avanzouse na inscrición das parcelas e neste momento xa están todas as parcelas inscritas no rexistro da propiedade. Ademais o Concello xa ten a valoración das dúas parcelas que están no concello da Pobra do Caramiñal e que debe adquirir para poder dispoñer do 100% dos terreos para poder licitar a obra de urbanización. 

Sobre o financiamento o Concello informou de que seguen contactando coa Xunta de Galicia, administración con competencias en materia industrial, para explorar vías de colaboración coas que financiar o polígono e, polo tanto, reducir custos para as arcas municipais e empresas que merquen terreos. 

Reunión do director xeral de Estratexia Industrial 

Dende o Concello informan que na mañá de hoxe tamén se celebrou unha reunión entre o alcalde e segundo tenente de alcalde, co director Xeral de Estratexia Industrial e da Pyme do Ministerio de Industria, Jordi García, para explorar posibles vías de financiamento para as empresas que aposten por asentarse no polígono industrial de Pedras Vermellas. Neste encontro expuxéronse distintas opcións e liñas de subvencións ás que poderían optar as empresas. Dende o Concello informaron da importancia dese proxecto para o tecido empresarial local e comarcal. 

Tanto Pérez Barral como Suárez-Puerta valoraron a reunión como “frutífera” ao indicaren, por parte da Dirección Xeral de Estratexia Industrial, as liñas de axudas por diferentes entes que permitirá ás empresas que se instalen no futuro polígono, ter opcións de financiamento tanto na instalación coma no desenvolvemento da propia empresa. 

En canto ás distintas liñas de financiamento o Concello de Ribeira seguirá contactando con diversos ministerios para seguir impulsando esta

infraestrutura. Neste sentido, contactarase con ministerios como pode Transición Ecolóxica ou Transformación Dixital para traballar coa Comunidade Enerxética de Ribeira, creada recentemente, que permita reducir a contía do pagamento eléctrico ás empresas adheridas ou impulsar a dixitalización e a conectividade. 

O equipo de goberno reafirma o seu compromiso de traballar de maneira conxunta coas institucións, o sector empresarial e outros actores para conseguir que Ribeira teña espazo onde asentar empresas e xerar emprego e crecemento económico.