Friday 22 de November de 2024

A recuperación patrimonial e de infraestruturas na Pobra centraron o encontro de traballo entre Concello e Deputación


Xornada de traballo entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación da Coruña. O presidente desta última, Valentín González Formoso, visitou a localidade para comprobar o resultado dalgunhas das obras financiadas ao abeiro do Plan de Obras e Servizos (POS) da institución provincial. Primeiramente foi recibido na casa consistorial, onde tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu a medalla do Museo Valle-Inclán como agasallo institucional.

Deseguido, procedeuse co groso da visita. A actuación integral na Mirandela, a cargo do POS+2019, por importe de 139.755 euros permitiu amplia-lo saneamento, recollida de pluviais, abastecemento de auga e alumeado público. O saneamento equiparouse cun bombeo para dar servizo a aquelas vivendas que estaban nunha cota inferior á rede existente. Onde xa había alumeado público, pero con tendido aéreo, efectuouse a canalización e novo cableado. E repúxose o firme existente con asfalto, agás algunha zona que leva formigón.

E, da man do POS+2022, acondicionouse o entorno do Cruceiro de Abuín cun investimento de 42.250 euros. Trala restauración deste ben patrimonial no 2021, neste ano obrouse na contorna coa substitución do asfalto por adoquíns, máis acorde co entorno e, debido á rugosidade do mesmo, obriga a reduci-la velocidade do tráfico rodado para unha maior seguridade nesta zona do rural. Ademais, colocáronse varios bancos coa dobre función de humaniza-lo lo lugar e evitar que os vehículos se despracen moi próximos ao cruceiro.

Con relación á Mirandela, a concelleira das Obras, Patricia Lojo, cualificou a obra como “moi importante e demandada pola veciñanza.” Incidiu o calado desta intervención ao permitir dotar de servizos básicos ao lugar e, neste senso, agradeceu a achega do POS por axudar ao Concello a mellora-la calidade de vida da poboación, facendo fincapé tamén no rural. Anunciou, así mesmo, o traslado á Deputación da Coruña de propostas e necesidades do municipio.

Pola súa parte, o presidente do ente, Valentín González Formoso, ratificou o apoio ás Administracións locais ao ser as que lle deben dar unha resposta ás necesidades da cidadanía coa maior celebridade posible. Avanzou que, proba disto, é que “o Concello da Pobra do Caramiñal vai ter o ano que ven practicamente o dobre de financiación.” “Significa que é unha Deputación que está absolutamente saneada, que xestiona eficazmente os seus recursos, que é capaz de multiplicar esforzos para ser máis eficiente e permitir unha caixa cada vez máis grande para que redunde na capacidade inversora dos Concellos máis pequenos”, precisou.

Tamén o alcalde, José Carlos Vidal, quixo agradece-los investimentos que permite o dito plan, tanto para a dotación de servizos básicos como para a rexeneración de espazos. Referiuse, ademais, á liña de subvencións das que é beneficiario o Concello para a contratación de persoal coa consecuente mellora da atención e maiores prestacións para a cidadanía. Segundo apuntou, o POS complementario foi de máis dun millón de euros e o POS+2024 deixou na Pobra 350.000 euros. “Axúdanos a levar a cabo de determinadas obras que doutra forma non sería posible”, puntualizou.