Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oleiros acada o compromiso da Xunta de Galicia para a mellora do servizo de transporte público


A alcaldesa accidental, María José Varela, e o concelleiro de mobilidade, Pablo Cibeira, reuníronse esta mañá co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e as alcaldesas e alcaldes dos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo de Sada para trasladar a urxente necesidade de mellorar o servizo de transporte público. Os representantes municipais informaron ao conselleiro da situación que padece a cidadanía da comarca da Coruña polo deficitario funcionamento das liñas de autobús.

A principal reclamación realizada foi a mellora de frecuencias das liñas máis saturadas, para minguar as aglomeracións de persoas no interior dos autobuses. Tamén se reclamou a creación de novas liñas comarcais así como que se facilite a extensión do bus urbano da Coruña aos concellos de Oleiros e Culleredo.

Ante a predisposición do conselleiro de atender estas peticións, remitirase de maneira inmediata por parte dos concellos as principais necesidades existentes para que sexan atendidas por parte da Xunta de Galicia. O Concello de Oleiros esixe un compromiso firme de mellora do servizo de transporte público para asinar o actual convenio do transporte que finaliza o próximo 9 de decembro.