Friday 22 de November de 2024

A aula de informática acolle o primeiro dunha serie de talleres de impresión 3D interxeracionais


Entre as próximas actividades figuran unha xornada de recollida de voces no marco do Proxecto Nós e unha sesión sobre ciberseguridade

Esta semana estreamos as novas impresoras 3D da aula de informática do Concello de Carballo (Aula CeMIT) co primeiro dunha serie de talleres que, ademais de achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre a impresión 3D, ten un compoñente interxeracional, xa que participan desde nenos e nenas de 10 anos ata adultos de distintas décadas.

O obradoiro, impartido por Jorge Cebey, continuará ao longo de todo este mes, os martes de 18.30 a 20.30 horas. Pero xa temos preparada unha segunda edición para o mes de febreiro, por se queres achegarte tamén á impresión 3D.

Na Aula CeMIT, que vén de ser equipada con modernos equipos grazas á colaboración da Xunta de Galicia, está a desenvolverse nestes últimos meses do ano unha intensa actividade, con propostas para todas as idades.

Todos os martes e mércores pola mañá desenvólvese a escola de informática para maiores de 60 anos, na que participan corenta veciños e veciñas do noso concello desde setembro ata finais de maio. Para mañá venres está prevista unha xornada de gravación de voces no marco do Proxecto Nós, na que todo o mundo pode participar achegándose ao Pazo da Cultura de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas ou aquí. E o día 15, tamén en colaboración coa Xunta de Galicia, celebraremos unha xornada sobre ciberseguridade para a que poderás inscribirte a partir do luns 11 no Fórum Carballo (oficinas municipais, 2º andar).