Thursday 07 de November de 2024

O Goberno municipal conxela as taxas e tributos para o ano 2025


O pleno de hoxe comezou cun minuto de silencio polas vítimas da DANA e cun agradecemento expreso da Corporación municipal aos profesionais do servizo de Bombeiros que se desprazaron a Valencia para axudar ás e aos afectados

Ademais, hoxe aprobouse inicialmente a modificación dos estatutos da sociedade xestora da Cidade das TIC para impulsar o crecemento do novo polo tecnolóxico da cidade

O pleno ordinario do Concello da Coruña comezou hoxe cun minuto de silencio en lembranza das persoas falecidos pola DANA que afectou nas últimas semanas a provincias como Valencia e Albacete.

A alcaldesa, Inés Rey, trasladou o apoio e solidariedade das e dos integrantes da Corporación municipal, lembrando que “tras a axuda dos concellos e as institucións hai persoas que non dubidaron en deixar as súas casas e familias durante unha semana para traballar 12, 14 horas ao día e axudar. Son Rafa, Rama, Julen, Hache, César, Juanjo, Garaboa, Rubén Suárez, Nacho, Cani, Míchel e Saavedra. E mañá sairán cara a Valencia Suso Vidal, Lendoiro, Roberto Rivas, Ameijenda, Mani, Iván Abeleira, Nodar, Pallarés, Kiko Rodríguez, Roberto Vázquez, Iván Brea, Carlos Blanco e Casanova”, enumerou.
A rexedora amosou o seu agradecemento, “en nome de toda a cidade”, aos profesionais do servizo municipal de Bombeiros, tanto aos que se desprazaron a Valencia “como aos que se quedaron aquí para coordinar o operativo”.

Xa noutra orde de asuntos, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, anunciou na sesión de hoxe que o Goberno de Inés Rey conxelará as taxas e impostos municipais de cara ao vindeiro ano 2025. Lage subliñou que, pola situación económica actual, co incremento do IPC e dos custos xerais de vida, “entendemos que é conxelar tributos é unha boa decisión para a cidadanía”.

O voceiro do Goberno municipal apuntou que, xa de cara ao 2026, “imos ver como mellorar a progresividade fiscal, mais no 2025 imos optar por unha conxelación”.

Ademais, Lage avanzou que, tamén no exercicio 2025, “levarase a cabo un estudio sobre os gastos impropios que asumimos como Concello e que deberían asumir outras Administracións. En moitas ocasións debatimos como financiar servizos e prestacións que entendemos básicos para a cidadanía, pero que asume sempre o Concello, a Administración con menos recursos. Por iso, imos diagnosticar servizos que, actualmente están mal financiados ou deberían ser sufragados por outras Administracións”.

Xa no referente aos asuntos incluídos na orde do día, este xoves aprobouse definitivamente o modificativo de crédito que permitirá ao Concello apoiar ao Básquet Coruña na súa tempada na máxima categoría do baloncesto español (250.000 euros). Tamén se destinan 50.000 euros á Asociación de Clubes de Traineras para a organización de competicións na cidade e outros 10.000 euros para APEM para apoiar á entidade na xestión dos cabaliños de Méndez Núñez, entre outras cousas.

Colaboración interadministrativa para facilitar melloras no CAPD das Xubias

Ademais, no pleno de hoxe tamén se aprobou definitivamente o estudio de detalle necesario para acometer a reforma interior dunha parcela que permitirá mellorar a accesibilidade no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade situado nas Xubias de Arriba.
Neste sentido, o Concello colabora coa Consellería de Política Social, da Xunta, facilitando a futura intervención nas instalacións dos CAPD, que en base ás previsións marcadas no expediente estima a creación cun aparcadoiro baixo rasante, nun espazo onde actualmente hai un edificio en desuso.
A intervención prevista no recinto tamén contempla a construción de novas pasarelas de comunicación e itinerarios accesibles entre as diversas edificacións do CAPD, unha medida clave para adaptar os seus espazos do CAPD ás necesidades das e dos seus usuarios.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, fixo fincapé na importancia desta actuación prevista no María Mariño, “polos avances que suporá no referente á mobilidade e traslado diario das persoas que fan uso das unidades do complexo sanitario”.
A constitución da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, un paso máis preto
Noutra orde de asuntos, o pleno aprobou inicialmente a modificación dos estatutos da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, un proxecto compartido coa Universidade da Coruña, no que o Concello ostenta o 51% da sociedade e a UDC o 49% restante.

José Manuel Lage precisou que “recentemente houbo cambios no equipo de Goberno da UDC e o novo equipo entrante solicitou, como é lexítimo, poder tomar decisións tamén nos estatutos, cuxa tramitación estaba en marcha”.

Froito do diálogo e do consenso co novo equipo directivo da UDC, os estatutos abundan no obxectivo inicial plantexado por Concello e Universidade, “desde a perspectiva da simplificación administrativa e a busca da dinamización social e económica da cidade, así como da potenciación do tecido académico e científico, buscando unha mellor promoción da Cidade das TIC, blindando o seu carácter público e a colaboración institucional na construción do novo polo tecnolóxico de Galicia”, expuxo Lage.
Este acordo someterase durante un mes a exposición pública para a súa aprobación definitiva posterior, que permitirá elevalo a escritura pública. Cómpre lembrar que o Goberno de Inés Rey aporta 3,1 millóns de euros para sufragar as obras de urbanización na Cidade das TIC, en Pedralonga. “Coa sociedade xestora constituída poderemos acelerar o ritmo, poñer unha marcha máis e contribuír á creación dun espazo único en Galicia, un espazo chamado a ser xerador de emprego de calidade e creador de coñecementos punteiros”, concretou Lage.

A actualización do regulamento de honras e distincións na Policía Local

Por outra banda, o pleno aprobou inicialmente, coa unanimidade de todos os grupos, a modificación do Regulamento de Honras e Distincións do Corpo da Policía Local do Concello. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, precisou que esta variación lévase a cabo “en primeiro lugar, pola súa adecuación á normativa”, e, xa á marxe do axuste legal, “estimular e recompensar as cualidades profesionais das e dos funcionarios que con frecuencia arriscan a súa integridade física ao servizo da cidadanía, distinguindo as súas accións como modelo de ética profesional”.
Unha das novidades que plantexa a modificación é a incorporación dunha modalidade de distinción para recompensar actuacións de vixiancia e protección de especial significación en situacións sociais extraordinarias, por exemplo.

Declaración institucional de cara ao 25-N

Na sesión plenaria de hoxe tamén tivo lugar a lectura dunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste sentido, o Concello sumouse ao manifesto promovido pola FEMP. A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que “a erradicación da violencia contra as mulleres é unha tarefa que nos corresponde a toda a sociedade como parte dun esforzo colectivo para transformar as estruturas que perpetúan o machismo e a desigualdade, evitando caer nos discursos negacionistas, porque a pesar dos desenvolvementos lexislativos en España, aínda queda moito por facer”.
“É imprescindible que toda a sociedade se una na condea da violencia machista en todas as súas manifestacións, e que traballemos colectivamente para construír un futuro no que ningunha muller deba vivir con medo. Só co compromiso activo de todos e todas poderemos erradicar este fenómeno estrutural”, expuxo a rexedora.

En España, só desde o ano 2003, máis de 1.279 mulleres foron asesinadas a mans das súas parellas ou exparellas, e no que levamos de ano, 24 menores quedaron orfos. A este respecto, cómpre lembrar que o Concello presentou esta mesma semana a programación de actividades de cara ao 25-N, co lema ‘Non hai escusas’ por bandeira.
O calendario de actividades previstas, xa dispoñible para a súa consulta na páxina web do Concello, inclúe un total de 14 actividades que se desenvolverán ata o 30 de novembro, ofrecendo charlas, obradoiros, teatro e cine.

Deja un comentario