No seu firme compromiso de revitaliza-lo sector comercial e incentiva-las compras nos establecementos de proximidade, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal lanza unha nova campaña coa que xa despega o Nadal na localidade: unha viaxe a Eurodisney para catro persoas.
“O mes de novembro é máis baixo en vendas e queremos descentraliza-lo movemento económico do outono-inverno fóra de decembro. Queremos que a xente merque na Pobra, que se aproxime aos nosos profesionais do sector comercial, que coñezan todo canto temos para ofrecer. Por todo isto, sorteamos unha viaxe a Eurodisney entre as compras durante estes días”, declarou a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo. A edil explicou tamén que en vindeiras datas se irán anunciando máis sorpresas xa focalizadas na época do Nadal. Neste senso, valorou positivamente os resultados do pasado ano.
A técnica municipal desta área, Sara Sánchez, afondou na dinámica desta iniciativa “cun regalo que de cara a arrancar o Nadal xa vai creando ilusión en toda a xente que compre no comercio da Pobra do Caramiñal.” Un total de 50 comercios participan nesta campaña que se estende do 9 ao 30 de novembro. Salóns de peiteado, tendas de roupa, establecementos de servizos… En definitiva, heteroxeneidade de locais. Por cada 10 euros de gasto, entregarase un boleto que se deberá cubrir cos datos requiridos para entrar no sorteo que se fará no 2 de decembro.
Marisa Ouviña, rexente de Don Tacón, amosouse expectante polo resultado desta campaña porque este tipo de accións “para nós, como pequenos comercios que somos, son moi importantes para o día a día.” “Imos poñerlle á Pobra moita luz, moita alegría e esperamos que a xente poida vir, dar un paseo, facer unhas compras para os seus familiares e xente querida”, enxalzou.