Friday 22 de November de 2024

O Concello recibe un valioso exemplar de ‘20.000 leguas de viaxe submarina’, que será exposto no Aquarium Finisterrae


Trátase dunha primeira edición da obra de Julio Verne que foi entregada á alcaldesa, Inés Rey, na sala Nautilus do museo

O Aquarium Finisterrae recibiu un valioso exemplar dunha primeira edición da novela ‘20.000 leguas de viaxe submarina’ escrita por Julio Verne en 1869. Trátase dunha edición en castelán da que só hai catalogados 12 exemplais no mundo. O libro foi recibido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que estivo acompañada polo director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e polo primeiro director dos Museos Científicos Coruñeses e recentemente proposto como Fillo Predilecto da Coruña pola alcaldesa, Ramón Núñez Centella, e o presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, Julio Casal.
“En nome da cidade, quero agradecer esta importante achega ao patrimonio coruñés e aos seus museos científicos”, sinalou Rey. “A nosa cidade é o motor da divulgación científica de Galicia e seguirá séndoo grazas ao traballo que se leva a cabo nos nosos museos e por entidades como a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias”, apuntou a rexedora.

Trátase dunha publicación francesa da primeira edición que se expoñerá na sala Nautilus do acuario coruñés para divulgar a relevancia do seu contido desde unha perspectiva histórica e educativa. Servirá para afondar nas perspectivas culturais que caracterizan os contidos da Sala Nautilus, xa que ademais dun relato de ciencia ficción, o libro é tamén unha obra de divulgación científica dun dos pioneiros deste xénero literario. De feito, nas súas páxinas pódense ler descricións de seres vivos, instrumentos científicos, fenómenos naturais e noticias sobre os descubrimentos da época. As súas páxinas tamén inclúen predicións sobre o futuro tecnolóxico da humanidade e reflexións sobre as implicacións éticas do progreso científico, tan oportunas entón como na actualidade.

A novela é a referencia que serviu ao Aquarium Finisterrae para transformar o seu oceanario nun exercicio de imaxinación que converte a súa sala de observación no Nautilus e onde se recrea o escenario desde onde o capitán Nemo gobernaba o seu submarino. Por iso na sala exponse unha colección de obxectos orixinais da segunda metade do século XIX e que, dunha ou outra forma, teñen relación con este personaxe. A mostra inclúe un cabeiro de narval, unha diversidade de cunchas como as de tridacna, nautilus, catalejos, aparellos náuticos e científicos, cartas de navegación e obxectos que calquera lector atento poderá recoñecer.