Friday 22 de November de 2024

Neda abre este venres o prazo para solicitar a participación dos nenos e nenas na campaña de neve da Deputación


O Concello de Neda abre este venres a preinscrición na Campaña de Neve 2025, promovida pola Deputación da Coruña, para nenos e nenas empadroados no municipio de entre 11 e 15 anos, cumpridos a 31 de decembro de 2024. No marco da iniciativa, que se desenvolverá na estación asturiana de Valgrande- Pajares en xaneiro, a localidade disporá dun total de cinco prazas.
A campaña provincial contempla catro días con aloxamento e manutención nun albergue a pé de pista, con cursos de esquí e actividades complementarias na estación invernal entre o 24 e o 27 de xaneiro. Haberá plans alternativos no caso de que nesas datas non sexa posible esquiar.

As familias do municipio interesadas en que os seus fillos/as participen desta experiencia teñen de prazo ata o 2 de decembro para inscribilos na Casa Consistorial. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público ante o secretario municipal, tendo prioridade aqueles rapaces/as que non participaran anteriormente na campaña de neve.

A Deputación responsabilízase da maior parte dos gastos ocasionados polos cursos; transporte de todos os participantes dende a comarca, estancia, manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na estación e actividades varias. As familias deberán aboar, iso si, unha cota de participación de 85 euros.