Friday 22 de November de 2024

Ribeira clausura un exitoso programa de emprego.


Hoxe celebrouse no Auditorio de Ribeira a clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira ao que asistiron para a súa clausura o rexedor, Luís Pérez, o director territorial de Emprego, Juan José Couce, a concelleira Emprego, Veva Betanzos, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Facenda, Herminia Pouso, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, as técnicas responsables do programa, Estela Saa e Ana Serramito máis os participantes do propio Programa Integrado de Emprego.
Os Programas Integrados de Emprego (P.I.E) son instrumentos dirixidos á mellora da inserción laboral, ao longo dun período de 12 meses, das persoas participantes, que inicialmente son 100 persoas demandantes en situación de desemprego (no noso caso da comarca do Barbanza e Porto do Son).
O acto celebrouse na sala polivalente do auditorio na que tiveron lugar as intervencións das autoridades, a proxección dun vídeo-resumo do programa e a entrega de diplomas aos participantes. Rematouse cuns petiscos no vestíbulo do auditorio elaborados polos alumnos/as do CIFP de Coroso do Grao Básico de Cociña e Restauración.
A edil Veva Betanzos agradeceu ao alumnado, técnicas e autoridades a presenza nesta clausura e destacou “o trato directo entre as técnicas e os participantes que resultou nun coñecemento persoal das diferentes realidades de cada un para así poder facilitar a elaboración dos vosos itinerarios de emprego e facilitar o labor de intermediación realizado por Estela e Ana con empresas de diferentes sectores” tamén engadiu “a formación é o mellor xeito de mantervos actualizados e adquirir novas habilidades e será o que vos permita afrontar novos retos con maior éxito, é dicir, lograr a fin que desexades: atopar un emprego e mantelo no tempo” e finalizou resaltando o papel do tecido empresarial nas prácticas de empresa “neste programa houbo moitas persoas beneficiarias. Estas experiencias permitiron aplicar os coñecementos teóricos en situacións prácticas, enriqueceron o currículum das persoas participantes e deron a oportunidade de establecer conexións profesionais valiosas no futuro e, nalgúns casos, foron o punto de partida para a posterior contratación, o cal me produce unha gran satisfacción”.
Ao longo deste P.I.E., os participantes tiveron a oportunidade de visitar algunhas das empresas máis importantes e punteiras da rexión. Empresas como Frouma, Lonxa de Ribeira, Mobalco, Limpezas Noroeste, Limpezas Aida, Trazos, A de Ramona, A de Maris, Eclipse, Noyva, Norat, a Cooperativa Santa Uxía, Cámping Coroso, Beni García, ou o Museo do Gravado. Grazas a estas visitas, tiveron a ocasión de coñecer de primeira man a realidade e as necesidades do tecido empresarial local.
Este contacto directo é crucial, porque permite entender como funciona o mercado laboral, cales son as competencias que buscan as empresas e como se poden poñer en valor os coñecementos adquiridos no PIE.
Couce agradeceu ás técninas, ás empresas colaboradoras e alumnos/as do programa e falou da importancia e a boa acollida destes programas integrados de emprego e dos froitos que se están recoller.
O rexedor, Luís Pérez, tamén agradeceu a tódolos actores integrantes do P.I.E. e falou dos obxectivos “non é só mellorar a empregabilidade das persoas en procura de emprego, senón abrir camiños para que a súa formación e dedicación se traduzan en oportunidades reais de inserción laboral” e engadiu “aquí en Ribeira, este programa logrou que o 35% dos seus participantes atopen un emprego, e iso é unha cifra significativa, un primeiro banzo que nos motiva a seguir avanzando para conseguir outro programa e novos retos”.
Pérez Barral agradeceu a dedicación e implicación do equipo do PIE “o seu traballo foi fundamental para que este proxecto chegase a bo porto. Tamén quero destacar a colaboración indispensable do Estado e da Xunta, sen cuxo apoio este programa non sería unha realidade. É grazas a esta colaboración que podemos seguir desenvolvendo programas como este, que non só ofrecen formación, senón que tamén ofrecen esperanza e oportunidades de futuro á nosa comunidade” concluíu.