Friday 22 de November de 2024

López Campos pon en valor a pegada da arquitectura na identidade cultural e social de Galicia


— A mostra conmemora o 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes cun percorrido polas obras dos 23 arquitectos académicos de honra desta institución

— O responsable de Cultura da Xunta asiste no Teatro Colón aos ‘Concertos do centenario’ cos que, desde hoxe e ata o venres, se complementa esta celebración

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, enxalzou hoxe a entidade arquitectónica propia coa que conta Galicia e que ten unha “importante pegada na identidade social e cultural que conforma a Comunidade”. Fíxoo na inauguración no Museo de Belas Artes da Coruña da exposición Arquitecturas que falan do seu tempo, coa que se conmemora o 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes. Precisamente, ambas institucións chegaron a compartir, no seu día, o mesmo espazo.

López Campos defendeu que a arquitectura é unha das “belas artes máis influentes no contexto social e cultural dun pobo”. Neste senso, salientou a súa capacidade para “configurar espazos de encontro” e de “habitar e modelar a nosa memoria colectiva”. Ao respecto, apuntou como, no caso de Galicia, configurou “un territorio arquitectónico cunha entidade indiscutiblemente propia”.

Por estes motivos, puxo en valor esta exposición ao conseguir “reflectir a transformación visual, social e cultural” que supuxo na Galicia dos últimos 175 anos o traballo e proxectos dos 23 arquitectos que foron ou son académicos de número e de honra da Real Academia de Belas Artes, entre os que se atopan figuras de renome como Faustino Domínguez, Rafael Baltar, Xosé Manuel Casabella ou Manuel Gallego Jorreto, autor do actual edificio do Museo de Belas Artes.

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que, grazas ao percorrido polas obra destes profesionais, se poderán descubrir na mostra as diferentes correntes artísticas e etapas evolutivas da arquitectura na Comunidade. En concreto, precisou que, ao presentarse nunha viaxe cronolóxica, permite recoñecer inmobles que “forman parte da memoria persoal e colectiva”. Ademais, tamén remarcou o feito de que, a través desta exposición, as persoas que se acheguen “percibirán con claridade como unha obra arquitectónica pode falarnos dunha etapa histórica ou social de Galicia determinada”.

Exposición completada con obras pictóricas e fotográficas
Arquitecturas que falan do seu tempo está comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier, que inclúen —para contextualizar as diferentes épocas do percorrido por estes 175 anos de arquitectura de Galicia— unha selección de obra pictórica e fotográfica realizada por varios artistas galegos que, a través das súas creacións e imaxes, representan diferentes espazos urbanos da nosa Comunidade como Xavier Correa Corredoira, Francisco Llorens ou Antonio Tenreiro.

A exposición, que estará aberta ata o 23 de febreiro de 2025, comeza o seu percorrido co arquitecto Faustino Domínguez, ao tratarse do membro fundador da Academia Galega de Belas Artes e unha figura representativa da evolución que experimentou a arquitectura galega ao longo deste últimos 175 anos.

Concertos conmemorativo
Tras a inauguración, López Campos, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao Teatro Colón aos Concertos do centenario. Trátase dunha programación especial que forma parte da conmemoración do 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes.

Estas actuacións, que comezan hoxe e rematarán o venres, día 8, teñen como protagonistas as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña e os concertos estarán integrados exclusivamente por música de compositores galegos.