Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Boqueixón acolle este mes de novembro un punto informativo sobre conduta suicida e recursos de axuda


O Concello de Boqueixón, en colaboración con Andaina Pro Saúde Mental, vén de poñer en marcha unha campaña informativa de prevención do suicidio. Esta campaña inclúe a posta a disposición da veciñanza dun punto informativo sobre a conduta suicida na entrada da casa consistorial e dun punto de lectura na biblioteca municipal durante este mes de novembro.

O punto informativo está dotado de material informativo, dípticos sobre o Programa Falamos (programa integral no ámbito rural para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio) e folletos informativos sobre recursos de axuda e recomendacións para a abordaxe da conduta suicida. O punto informativo estará aberto na casa do concello no Forte ata finais de novembro, momento no que será trasladado ao centro de saúde do Forte, onde permanecerá durante o mes de decembro.

Paralelamente, a biblioteca municipal de Boqueixón contará durante o mes de novembro cun punto de lectura, no que pon a disposición dos veciños e veciñas unha serie de publicacións sobre conduta suicida e benestar emocional.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Boqueixón e a asociación Andaina Pro Saúde Mental, no marco do programa Falamos. Esta iniciativa, ademais das liñas de formación a profesionais e intervención con persoas e grupos vulnerables, conta cunha vertente sensibilizadora dirixida fundamentalmente a persoas pertencentes a grupos vulnerables para a conduta suicida coa finalidade de contribuír á redución do tabú arredor do suicidio, dar visibilidade á problemática, ofrecer ferramentas básicas para a detección, facilitar a comunicación das persoas e familias que se poidan ver afectadas e ofrecer información de interese sobre recursos e servizos existentes en caso de risco.