Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño completará o eixo Santa Mariña-Bardaos-Moeche con fondos provinciais


Hai escasos días rematou o prazo de presentación de ofertas para dous proxectos viarios que o Concello de San Sadurniño ten previsto levar a cabo de maneira inminente. Un deles, do que xa se informou, é o ancheado e aglomerado da pista dos Currás, cun investimento previsto de 91.000 euros, mentres que o outro será o tramo comprendido entre os lugares do Castro e A Bañoca, en Bardaos, orzamentado en algo máis de 65.000 euros. Este último contrato renovará o pavimento do último tramo que faltaba no eixo Santa Mariña-Bardaos-San Ramón de Moeche, principal eixo de comunicación interior do norte de San Sadurniño. A obra financiarase, igual que a dos Currás, cos fondos do Plan Adicional 02/2024 da Deputación da Coruña.

A obra consistirá, en primeiro lugar, nunha limpeza do antigo firme e no tapado de baches e outras irregularidades para, posteriormente, estender unha capa de aglomerado cun ancho medio de 5 metros que ofreza mellor adherencia e maior resistencia ao desgaste, incluso o producido polo tránsito de maquinaria agricola e forestal.

Ademais, co obxectivo de que á pista aguante ben o paso dos anos, tamén se limparán as cunetas en profundidade para asegurar unha correcta evacuación da chuvia que, doutro modo, podería debilitar a base da nova estrada.

O ramo á obra poráselle co pintado da sinalización horizontal e a instalación dos novos indicadores verticais que sexan necesarios.

A actuación será a última dunha serie de catro que o Concello de San Sadurniño foi acometendo nos últimos cinco anos para reparar e uniformizar co mesmo tipo de firme todo o eixo interior que enfía a estrada de Ortigueira con Santa Mariña do Monte pasando por Bardaos.

Neste sentido, en coordinación co Concello de Moeche, en 2018 amañouse a pista desde San Ramón até A Bañoca, de 875 metros (400 no lado de San Sadurniño). Posteriormente, en 2021, fíxose o propio cos 2,8 quilómetros de estrada comprendidos entre Castrelo e A Veiga. En abril deste 2024 quedaron listos os 1.300 metros de percorrido entre A Veiga e O Castro, xa en Bardaos, e agora, co proxecto que se adxudicará nestes días, aglomeraranse outros 800 metros entre O Castro e A Bañoca, o lugar onde empezou todo.

“Levar a cabo un aglomerado de cinco quilómetros de distancia dunha soa vez é algo que require un investimento inasumible para un Concello pequeno coma o noso que ten que atender moitas necesidades cuns recursos limitados”, explica Secundino García.

O alcalde engade que “se se teñen as cousas claras e hai o compromiso de facelas, fanse”, precisando deseguido que o departamento municipal de Obras planificou a mellora do trazado en varias veces. “Neste caso empezamos en 2020 arranxando ao mesmo tempo que Moeche e con financiamento provincial a principal saída de Bardaos cara a San Ramón. Case ao mesmo tempo fíxose o tramo desde Castrelo ata A Veiga, tamén con cartos do Plan Único. Despois veu a pandemia e, unha vez superada, proseguimos co plan dedicando recursos propios dos remanentes de 2022 á reparación desde A Veiga ata O Castro e agora, para o último pedazo de pista que falta, do Castro á Bañoca, tiramos dun dos plans adicionais da Deputación”.

Cómpre mencionar, por último, que na mesma zona onde se vai actuar en breve, o Concello tamén acaba de rematar outra obra de mellora da rede viaria, concretamente a da pista que vai desde o cruzamento do Castro até o núcleo da Sanguiñeira. Neste caso foron 680 metros acondicionados con saburra e asfalto a través dun proxecto acollido ao POS+ deste ano por valor de 54.600 euros no que tamén se incluiu a reparación do camiño que sobe desde San Paio até O Bidueiro, en Ferreira.