Tuesday 26 de November de 2024

Talentia Summit 2024 pon a ollada no talento mozo e comeza con récord de visitas á plataforma online


En pouco máis de 8 horas de funcionamento a plataforma on line de Talentia Summit 2024 sumou máis de 9.000 usuarios únicos e 12.000 sesións, e a oferta formativa da feira superou as 2.100 prazas reservadas. Son datos de récord, que demostran que a feira do emprego e o talento de Santiago é unha cita totalmente consolidada. Así o afirmou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, que hoxe presentou todos os detalles do evento que se vai desenvolver do 12 ao 15 de novembro.

Presentación do Talentia Summit 2024

A tenenta de alcaldesa explicou que o programa do Talentia Summit, tanto no que tén que ver co foro inaugural como no relativo á feira de emprego e formación, “foi deseñado atendedo aos obxectivos que nos marcamos desde a concellaría no que tén que ver co fomento do emprego entre a mocidade, as mulleres e a poboación migrante, e sobre todo coa aposta por un emprego digno e de calidade”. María Rozas salientou, sobre todo, “a aposta polo talento xuvenil e polas ferramentas que nos axuden a retelo e exprimilo, atendo a sectores e mercados que son atractivos para a mocidade”. Ademais, incidiu en que “poñemos o foco nas demandas e necesidades das persoas traballadoras en relación á conciliación, á flexibilización horaria do mercado laboral ou mesmo á humanización da tecnoloxía”.

Foro Talentia

O Foro inaugural do Talentia vaise celebrar o próximo martes 12, a partir das 18:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, baixo o lema “Persoas con propósito impulsando a innovación”. Será un encontro no que se abordará como a innovación, a tecnoloxía e o talento están a transformar o mundo laboral, “coa ollada posta especialmente no talento xuvenil, e desde unha perspectiva tamén feminina e feminista”.

No Foro Talentia participarán Javier Vidaurreta, socio responsable de People KPMG en España, que reflexionará sobre cales son as capacidades máis demandadas no mercado laboral; Cristina F. Armesto, socia e fundadora da Casa Grande de Xanceda, cunha ponencia sobre as oportunidades para o desenvolvemento do talento no mundo rural; Pablo Rodríguez González, fundador e responsable de negocio e produto de Hack a Boss, que falará sobre a formación tecnolóxica e dará conta da experiencia da súa empresa na que se tén implementado a xornada laboral de catro días. Águeda Ubeira, CEO e fundadora de Vanetta Food falará no Foro Talentia de innovación, tradición e talento desde a experiencia da súa empresa que aposta por transformar a gastronomía galega en clave vegana; David Ryan Glowacki, investigador oportunius do CiTIUS, ofrecerá unha ponencia sobre ciencia, tecnoloxía, estética e realidade virtual; Ángelees González Macías, directora Executiva de Emprego e Proximidade de Barcelona Activa; e Luz Castro Pena, enxeñeira informática, socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Universidade da Coruña.

Apertura da feira con récord de participación

A outra pata do Talentia Summit 2024, a feira, está arrancando con récord de participación. A plataforma online abriuse ás 11:30 da mañá de onte, e ás 20:00 horas xa tiña contabilizadas 12.000 sesións de 9.000 usuarios únicos. Nese tramo horario fixéranse xa 2117 reservas para a diferente oferta formativa gratuíta da feira, que abrangue cursos de formación online, cursos en aula virtual, acceso ás plataformas LinkedIn Learning e Talentia IT Skills, certificacións oficiais de Oxford e o programa Minerva. Nalgúns casos rexistrouse un nivel de demanda tan alto que xa se esgotaron as prazas dispoñibles, fundamentalmente no que tén que ver coas certificaciones oficiais de nivel de inglés.

A oferta formativa é a gran aposta desta edición do Talentia, que oferta máis de 3.000 prazas en diferentes programas. Mil delas corresponden ao “Talentia IT Skills”, unha das grandes novidades este ano. Este programa inclúe formación e certificacións en tecnoloxía que se desenvolverán ao longo dun ano, en áreas clave como Cloud Computing, Big Data, Intelixencia Artificial, Ciberseguridade, Redes e Programación; con cursos de fabricantes e institucións de referencia como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute. A oferta está pensada tanto para as persoas en fase de reciclaxe profesional como para aquelas que desexen dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico.

Entre os recursos formativos dispoñibles destacan tamén os cursos de Linkedin Learning, cunha licenza temporal que permitirá acceder a máis de 15.000 cursos da plataforma en temas tan diversos como desenvolvemento persoal, xestión de proxectos, programación ou deseño gráfico.

En canto á feira de emprego, que se desenvolve en formato totalmente virtual, en Talentia participan 82 empresas e preséntanse 270 ofertas laborais con 452 vacantes, incluíndo ADIF como emprego público. Ademais, na Feira Talentia están dispoñibles 24 mentores e orientadoras laborais. Nos stands virtuais, as personas participantes poderán obter información detallada sobre as empresas, contactar directamente e interactuar cos seus responsables de selección, ou participar en entrevistas online.