Friday 22 de November de 2024

Rueda destaca a conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña como exemplo do potencial de Galicia de converterse nun nodo de transvase de mercadorías


— Asegura que esta infraestrutura é “moi importante” para o “desenvolvemento económico de toda Galicia”

— Valora a aposta que se está facendo nestas instalacións por atraer proxectos relacionados coa transición enerxética, nomeadamente, no eido da eólica mariña

— Demanda un impulso real a outras infraestruturas ferroviarias, como o Corredor Atlántico, a chegada da alta velocidade a Ferrol ou a conexión con Portugal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a futura conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña co Eixo Atlántico é un exemplo de como Galicia pode converterse nun importante nodo de transvase de mercadorías, tirando proveito da combinación “do transporte ferroviario, marítimo” e pola estrada “que ten moitas potencialidades”.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación no acto de inicio das obras da rede ferroviaria interior de Punta Langosteira. Este é un dos tramos que é necesario acometer para conseguir enlazar estas instalacións portuarias coa rede xeral. Rueda asegurou que este é un porto “moi importante para o desenvolvemento económico de toda Galicia”.

O titular do Executivo galego valorou que esta mellora no transporte permitirá aumentar as potencialidades do Porto Exterior, que xa está demostrando un gran crecemento nos últimos anos. Ao respecto, tamén puxo en valor a aposta que está facendo por atraer grandes proxectos relacionados coa transición enerxética e, máis en concreto coa eólica mariña, o que considerou que contribuirá a potenciar a industrialización de toda a área e, por extensión, de toda Galicia. “Aquí está o futuro, estanse a sentar as bases para que as enerxías verdes se instalen aquí”, indicou.

Recordou, ademais, que a posta en marcha desta conexión ferroviaria terá unha vantaxe engadida, pois permitirá acelerar a liberación de espazos no porto interior da Coruña e avanzar así de forma decidida no protocolo da Coruña Marítima, que une a varias administracións co obxectivo común de transformar esta zona da cidade.

Por último, apelou á necesidade de que esta aposta pola infraestruturas ferroviarias se estenda tamén a outras conexións que non están recibindo o impulso necesario por parte do Goberno central, como o Corredor Atlántico, a chegada da alta velocidade a Ferrol ou a conexión con Portugal. Ante isto, reclamou prazos e investimentos para facelas realidade e contribuír á competitividade de todo o territorio.