Friday 22 de November de 2024

Presentadas 30 obras ao VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro


Un total de 30 orixinais buscan alzarse co VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Agora tócalle ao xurado decidir en cal recae esta distinción. Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición; encargaranse de toma-la decisión.

Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, este eríxese como un dos premios galegos de referencia na literatura infantil cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da dita editorial e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, segundo explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. Engade que “son varias as obras que saíron do prelo ao abeiro deste certame que busca non só promove-la produción literaria, senón tamén ofrecerlle lecturas de calidade e en galego ás novas xeracións.”

Nos anteriores anos, o galardón recaeu en Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz, con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; María Canosa, con Teño un volcán dentro; e José Luis Baños, con Fóra de xogo.