O Concello de Riveira ten o propósito de conquerir unha mellor protección da veciñanza contra a contaminación acústica e, con tal motivo, a xunta de goberno local aprobou a realización dun conxunto de traballos encamiñados a combater os ruídos molestos.
Neste senso, entre as medidas que van implementar figuran a preparación do borrador dunha nova ordenanza municipal por parte dunha entidade especializada que substitúe e mellore a que está en vigor e, tendo en conta sempre á súa adaptación ás características propias deste concello, se axuste á normativa autonómica e moi en particular ao sobre contaminación acústica de Galicia, aprobado no pasado 2015.
Igualmente prevese a realización de inspeccións sonométricas para comprobar o cumprimento da normativa aplicable en materia de protección contra a contaminación acústica, previndo ata 20 medicións por queixas ou denuncias.
Formación e asesoramento
Ademais, a entidade que resulte adxudicataria impartirá labores de formación a técnicos municipais implicados na comprobación de queixas e denuncias en materia de ruídos e prestaralles asesoramento durante o período contratado, resolvendo aquelas dúbidas que se puidesen suscitar con posibilidade de realizar medicións de contraste en casos puntuais.
Por último, colaborará co Concello no control de zonas acusticamente saturadas e, no caso de clasificarse como ZAS, encargarase da realización dun plan de actuacións para corrixir os niveis de ruídos aos que se expón a veciñanza.
Solicitados os oportunos orzamentos para a encomenda destes labores, a empresa que se encargará de realizar a actuación será Virocem, S.L., cun importe de 380,25 euros ao mes durante o período de 12 meses.