● Actuarase nos parques de Callobre, Vos Abellós, o do CEIP de Bemantes, o da rúa Aveás e o de Telle.
● Estes proxectos financiaranse con cargo á modificación orzamentaria de 1 millón de euros que leva este xoves a pleno.
O Concello de Miño ten previsto destinar preto de 100.000 euros para realizar obras de mellora en cinco parques infantís do municipio, coa finalidade de ofrecer espazos seguros e modernos para o goce dos máis pequenos.
Concretamente actuarase no da escola unitaria de Bemantes coa renovación dos xogos, cun investimento de 30.684,67 euros; no de Callobre, cun orzamento de 28.421,10 euros para substituír o valado e os xogos; no de Vos Abellós cambiarase o pavimento actual de grava miúda por un de caucho, con 19.367,39 euros e por último renovarase o valado dos parques da rúa Aveás, con 10.052,37 euros e de Telle, con 5.727,83 euros.
Estas melloras, que se financiarán con cargo á modificación orzamentaria de 1 millón de euros que leva este xoves, 7 de novembro, a un pleno extraordinario (14:15 horas), abarcan a renovación de instalacións e o reforzo das medidas de seguridade.