Wednesday 06 de November de 2024

Ponteceso impulsa a subministración de auga en Langueirón para chegar a todas as vivendas da parroquia


 O Concello inviste máis de 173.000 euros na segunda fase da ampliación da rede de auga municipal”.

O Concello de Ponteceso xa iniciou as obras da segunda fase da ampliación do sistema de abastecemento de auga na parroquia de Langueirón, un proxecto de infraestrutura hidráulica que busca garantir o acceso á auga potable a todas as vivendas dos núcleos da Carrasqueira e A Vitueira. Con esta actuación, Ponteceso reitera o seu compromiso coa mellora dos servizos básicos e co benestar da súa veciñanza.

O proxecto, que conta cun investimento de máis de 173.000 euros, inclúe a instalación de preto de 2.800 metros de canalización mediante tubos de polietileno de alta densidade, así como a construción de 19 arquetas de abastecemento. Tamén se contempla a mellora das estradas locais, incluíndo o aglomerado en quente de cinco tramos e a instalación de valvulería adicional para optimizar o sistema. O prazo estimado para a finalización dos traballos é de seis meses.

Segundo o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, “a posta en marcha desta obra supón un salto cualitativo nos servizos públicos que ofrecemos. Esta ampliación do abastecemento de auga é unha mostra clara de que en Ponteceso estamos a traballar para mellorar a calidade de vida de todas e todos. Levaremos a auga corrente a cada fogar de Langueirón, un obxectivo esencial para o futuro da nosa parroquia.”

As obras están financiadas grazas ás subvencións tramitadas ante diferentes organismos competentes, ás cales o Concello de Ponteceso agradece o seu apoio na posta en marcha desta infraestrutura esencial..

Deja un comentario