O Concello de Oleiros acolle este sábado 9 de novembro, ás 20:30 horas, no auditorio Gabriel García Márquez; o espectáculo musical e de danza Blues de media noite de laboratorio Escénico, dirixido por Alba Fernández Cotelo.
BLUES DE MEDIA NOITE é un espectáculo multidisciplinar (danza, música e teatro) que transita entre o formato escénico e formato concerto. Trátase dun espectáculo feminista que parte do histórico para chegar á intimidade de cada persoa, recreando a poética do imaxinario propio deste xénero musical, grazas á luz, que nos traslada ao club, ao tren, ao cruce de camiños…
O espectáculo entra a ritmo de blues no misterio e a sensualidade da noite, achegándonos ás raíces negras no movemento e na música, nunha viaxe no tren clandestino que conduce á liberdade. Pon en valor as grandes damas do blues e a riqueza rítmica que vén directamente de África, sempre dende un filtro persoal.
A duración do espectáculo é de 60 minutos e está dirixido a público maior de 12 anos.
O prezo da entrada é de 4,00 euros. Poderán ser adquiridas con anterioridade á celebración do espectáculo en www.giglon.com (desde o domingo 3 ao sábado 9 de novembro ás 19:00h) ou o mesmo día do espectáculo, unha hora antes, na billeteira do auditorio.