Friday 22 de November de 2024

O Ágora acolle desde mañá o Laboratorio Bibliotecario ‘Pensar as comitecas’


O Ministerio de Cultura elixe A Coruña para desenvolver este evento en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais polo seu labor a prol do cómic

O Concello da Coruña e a súa Rede Municipal de Bibliotecas acollerán os días 6, 7 e 8 de novembro o Laboratorio Bibliotecario (LABBBs) ‘Pensar as comitecas: proxectos para a súa creación e desenvolvemento’. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura a través da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura. Esta edición, que contará na apertura coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, celébrase na cidade grazas ao traballo das bibliotecas municipais a favor do cómic.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi orgullosos de poder celebrar este evento de innovación de carácter nacional, unha mostra máis do bo estado de saúde das nosas bibliotecas, referentes no país, e do gran traballo que fan os profesionais e as profesionais que traballan nelas”, sinalou Castro. As xornadas, de carácter profesional, reunirán a 60 persoas de diferentes lugares de España relacionadas co cómic ou con interese pola temática. Durante os tres días levaranse a cabo talleres no Centro Sociocultural Ágora de 9.00 a 18.00 horas o mércores e xoves e de 9.00 a 17.00 horas o venres.

As persoas participantes traballarán sobre seis proxectos diferentes, un deles presentado pola Rede Municipal de Bibliotecas e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, titulado ‘Alianza estratéxica para un ecosistema do cómic’. O resto de temáticas serán: ‘Fanzinotecas e creación de fanzines’, ‘Comicteca universitaria’, ‘Artefacto (PAF!)’, ‘Lendo cómics nos IES’ e ‘Os tebeos dos avós’. Durante as dúas primeiras xornadas as persoas participantes desenvolverán un prototipo sobre cada tema, que terán que expoñer o venres ante o resto de compañeiros e compañeiras. Ademais, o Concello organiza actividades complementarias como unha visita ao Monte de San Pedro (xoves 7 ás 18.00 horas).
O obxectivo destes encontros anuais organizados polo Ministerio de Cultura é reforzar a idea das bibliotecas como un punto de encontro da cidadanía para o desenvolvemento de proxectos en común e, en concreto, poñer este ano o foco no potencial que teñen as bibliotecas para ser axentes activos no sector do cómic. “Desde o Concello buscamos dar a coñecer a todas as persoas que participen o traballo que se leva a cabo nas nosas bibliotecas e no sector do cómic en particular”, sinalou Gonzalo Castro.

Toda a información sobre as xornadas, así como os distintos talleres e os seus resultados, poderá consultarse en https://labsbibliotecarios.es