Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a licenza para as obras de rehabilitación do instituto Alfredo Brañas


O goberno local tamén deu o visto bo a catro permisos para outros tantos proxectos empresariais

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licenza para as obras de rehabilitación do IES Alfredo Brañas. A Consellería de Educación investirá 1.232.550 euros na actuación, que inclúe a instalación dun sistema de illamento térmico exterior nas fachadas, a substitución das carpintarías de aluminio e madeira; o cambio da cuberta do bloque da ampliación e da pasarela do edificio principal, que agora é de fibrocemento; a eliminación do peto e a reforma da cuberta; a creación de despachos e departamentos na zona de vestiarios, pintura e novas luminarias.

Na sesión celebrada este luns tamén saíron adiante outros catro permisos para proxectos empresariais, en concreto tres no polígono de Bértoa para para unha nave destinada a garaxe-aparcadoiro de camións, outra para prefabricados de formigón e carpintaría metálica, outra para almacén de materiais de construción, e o cuarto no lugar de Queo de Arriba, para o acondicionamento dunha parcela destinada a parque de maquinaria e estacionamento de vehículos. O investimento supera, en total, o medio millón de euros.

En materia urbanística tamén foi aprobada a licenza para a demolición dunha edificación en mal estado situada na rúa Camiño Novo.