Thursday 21 de November de 2024

A Banda de Música de Ordes conmemora o seu XXV aniversario


Concertos con outras formacións, espectáculos variados, celebracións temáticas, monicreques e a grabación dun CD son as principais propostas que se desenvolverán ao longo deste ano. A primeira das citas será o sábado 27 de frebreiro co trío ‘Vaamonde, Lamas & Romero’

A Banda de Música de Ordes prepara o seu 25 aniversario con distintos eventos que terán lugar ao longo de todo o ano. Un amplo programa deseñado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes e dirixido especialmente ao pobo de Ordes, o seu público máis fiel. Como eixe central da dita conmemoración destaca a gravación dun CD, para o que contarán coa participación de agrupacións folclóricas como Os Viqueira ou Pelexos de Ordes, as corais polifónicas de Santa Eulalia de Senra e Santa Cruz de Montaos, ou o trio Vaamonde, Lamas & Romero. Un traballo cuxa presentación oficial está prevista para finais de ano na casa da cultura ordense.
Pricesamente na compaña destes últimos desenvolverase a primeira das citas, posta para o sábado 27 de febreiro. Ese día subirán todos ao escenario da discoteca LP 45 para ofrecer un espectáculo que se poderá desfrutar de balde a partir das 19.45 horas, e que inclúe arranxos realizados polo saxofonista e compositor Roberto Somoza. Nel se combinan sabor popular e modernidade. Música popular e teatralidade aderezados con grandes doses de humor e retranca que farán deste un espectáculo único e distinto, no cal colabora o Concello de Ordes.

‘A tres bandas’
Para o primeiro fin de semana do mes de agosto está previsto o concerto titulado ‘A tres bandas’. Unha actuación conxunta coas bandas de Arca e Boiro que congregará a máis de 100 músicos sobre o escenario que se instalará na Alameda de Ordes. Muiñeiras e xotas galegas, pasodobres, obras modernas, operetas etc, serán parte do repertorio.
Este ano máis ca nunca o 26 de novembro se celebrará a festividade da súa patroa, Santa Icía. Pasarrúas e concertos, actuacións musicais, colchonetas e xogos para cativos, concursos e sorteos, xantares e encontros populares sucederanse durante toda a xornada.
Xa de cara ao Nadal tamén se plantexa a posibilidade de ofrecer un espectáculo musical familiar de monicreques na que a suite do ‘Crebanoces’, composta por Tchaikowsky, será un protagonista máis.
Con todo isto preténdese levar a cabo unha celebración que se extenda ao longo de todo un ano, e sen que esté limitada por áreas xeográficas, franxas de idade ou preferencias estilísticas. “Nos nosos concertos poderanse escoitar pezas de todos os estilos e procedencias. Tamén temos preparados espectáculos familiares para que os más novos e novas poidan aprezar a música de autor, e outros combinados co humor”, aseguran dende a organización. “Todo isto cunha finalidade predominante, que a música das bandas perdure ao longo do tempo”, aseguran os compoñentes da Banda de Música de Ordes.