• A iniciativa está enmarcada no proxecto Landras, promovida pola asociación Contramínate en colaboración co Concello e o profesorado do centro
• O obxectivo é enriquecer este espazo e fomentar na cativada o interese por mellorar o medio natural
O alumnado do CPI Cabo da Area plantará arredor de 60 árbores autóctonas no bosque da Insua, entre os pinos que fan de barreira protectora do salitre e do vento. Será o xoves e venres, días 7 e 8 de novembro, entre as 10:00 e as 12:30 horas.
Esta iniciativa está enmarcada no proxecto Landras, que é promovido pola asociación Contramínate en colaboración co Concello e o profesorado do centro.
O obxectivo desta actividade é enriquecer este lugar con especies autóctonas para o lecer e libre desfrute da veciñanza. Entre outras cuestións, búscase fomentar o interese e a participación na mellora do medio natural, ampliar o coñecemento da contorna próxima e sensibilizar ao alumnado da importancia das árbores e da natureza.
Durante cada sesión a rapazada poderá gozar dun completo programa de actividades. En primeiro lugar, chegarán a pé ata a Insua para gozar da paisaxe. Unha vez alí recibiranos os representantes de Contramínate, que farán unha breve explicación deste proxecto. Non faltará a música, xa que os participantes cantarán a canción ‘Ecoloxista’, de Pablo Díaz.
Posteriormente, Monique, que acaba de chegar de Canadá, ensinará con que cousas atoparemos no bosque na súa lingua natal.
A partir deste momento, para amenizar o percorrido entre carballos e castiñeiros, soará a gaita de José. En grupo chegarase ata o miradoiro.
Desde alí presentaranse as plantas que se van plantar e farase un xogo en relación cos froitos, coas follas e cos nomes desas árbores. Como peche da xornada, cada unha das persoas participantes plantará unha pequena árbore xunto a unha estaca na que escribirá o seu nome.