Wednesday 06 de November de 2024

A Real Academia Galega pecha este venres a campaña Toponimízate 2024 cunha charla para a veciñanza en Boiro


· O Centro Social de Boiro acolle o 8 de novembro, ás 20:00 horas, o derradeiro encontro deste ano dunha iniciativa que busca ampliar a rede de cidadáns e cidadás que colaboran na recolla de nomes de leiras, montes e outros microtopónimos

· Dende 2019, a aplicación Galicia Nomeada recibiu 623 achegas públicas, pero quedan aínda moitos nomes por recoller, especialmente en parroquias como Bealo ou Macenda

A edición de 2024 de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa fin este venres, 8 de novembro. A campaña da Real Academia Galega ofrecerá a derradeira charla deste ano no Centro Social de Boiro a partir das 20:00 horas. Vicente Feijoo, filólogo da RAG e coordinador técnico de Galicia Nomeada, explicaralles aos veciños e veciñas como empregaren esta aplicación que lles permite participar na recolla de nomes de leiras, montes, regos e outros microtopónimos nunha sesión que contará coa presenza do alcalde boirense, José Ramón Romero García, e mais a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, María Outeiral Campos, que actuarán de presentadores.

Boiro é un grande exemplo da importancia que está a adquirir a comunidade de persoas colaboradoras nalgúns concellos do país. Dende a presentación de Galicia Nomeada en decembro de 2019, este concello da comarca da Barbanza recibiu 623 achegas públicas de máis de 55 persoas colaboradoras. Porén, o número total de topónimos que figuran na plataforma Galicia Nomeada, 767, é menor dos recollidos en concellos próximos cos que comparte comarca, como Rianxo (2387) ou Ribeira (3458), a pesar de o municipio boirense ter moita máis extensión territorial. “Por tanto, queda moito traballo por facer, especialmente en parroquias como Bealo ou Macenda, que contan con menos topónimos rexistrados”, sinala Vicente Feijoo.

O filólogo explicará de xeito práctico as principais funcionalidades da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, tanto na versión para navegadores web coma nas diversas aplicacións para dispositivos móbiles: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente…

Na charla desvelarase ademais a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Boiro, contando co apoio na investigación das etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os diferentes nomes que forman o concello, cómpre salientar a abundancia de topónimos de orixe prerromana, como Bealo, Cespón ou Lampón, todos eles nomes únicos en Galicia. O público poderá ver ademais o episodio da serie O Seminario de Onomástica responde en que a académica Ana Boullón explica a orixe e significado do nome do concello.

A edición 2024 de Toponimízate rematará en Boiro un percorrido por unha ducia de concellos que comezou o pasado mes de xuño. Dende a posta en marcha desta iniciativa da RAG, desenvolvida co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, máis de oitenta concellos acolleron encontros coa veciñanza centrados na divulgación da rica toponimia galega e na súa salvagarda a través da colaboración cidadá facendo uso da aplicación Galicia Nomeada.

Deja un comentario