O Concello de Ribeira acaba de adxudicar unha actuación dirixida a mellorar a estrada que hai no lugar de Laxes, na parroquia de Carreira, onde existen varios camiños con firmes deteriorados nos que é preciso reparar para que se poida circular por eles de forma segura. O camiño principal, que une a Mámoa con Laxes, dispón dun pavimento de aglomerado con irregularidades causadas polas raíces das árbores situadas nas marxes, sendo necesario retirar ditas raíces antes de estender unha nova capa de asfalto. Os outros dous ramais presentan un firme asfáltico con abundantes disgregacións e fochancas que será preciso regularizar antes de estender unha nova capa de aglomerado en quente, igual que no camiño principal.
A actuación consistirá no corte e demolición do pavimento de aglomerado existente, eliminando as raíces das árbores que provocan irregularidades no pavimento. Ademais farase unha preparación do camiño, limpeza escavación, explanación, desherbado, retirada de terra vexetal, rasanteo e compactado. No lugar aplicarase unha subbase de grixo e estendido dunha capa de aglomerado en quente de 5 cm. espesor, mesmo compactado e rega de adherencia e xestión de residuos.
“Con esta adxudicación, valorada en 54.000€, mellorarase de forma integral o firme do camiño Mámoa-Laxes coa que pretendemos mellorar eses camiños do rural que están deteriorados” informou o alcalde, Luís Pérez. O prazo de duración das obras é de 3 meses e a empresa encargada da realización é Construcións Ponciano Nieto. Para esta actuación o Concello de Ribeira conseguiu unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dentro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025.