Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemorará o Día do Patrimonio Mundial cunha xornada de portas abertas e obradoiros musicais no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón


Será o vindeiro sábado 16 de novembro. Mañá, mércores, abrirase o prazo de inscrición nas actividades, que inclúen tamén dous percorridos guiados polas instalacións do castelo e as estancias do museo

Como cada ano por estas datas, o Concello ultima os preparativos para conmemorar o Día Mundial do Patrimonio, que terá lugar o vindeiro sábado 16 de novembro, cunha programación especial de actividades para todos os públicos no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, onde haberá unha xornada de portas abertas cun horario de continuidade, de 10.00 a 19.30 horas.

En paralelo, tamén se desenvolverán visitas guiadas tanto polos espazos ao aire libre do castelo como nas salas do Museo, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey busca contribuír á difusión do traballo que alí se leva a cabo, tamén para poñer en valor a historia e relevancia dos materiais arqueolóxicos expostos, fundamentais para coñecer máis polo miúdo a evolución social e cultural da cidade da Coruña e, a grandes rasgos, de Galicia.

Haberá percorridos guiados ás 12.00 e 17.00 horas, con 25 prazas por quenda. A duración de cada sesión será de hora e cuarto.

Ademais, tamén haberá dous obradoiros creativos nos que as persoas participantes poderán achegarse ao mundo da música na antigüidade, descubrindo os primeiros instrumentos, a súa fabricación e os materiais que se empregaban. Haberá un taller específico para nenas e nenos de 6 a 12 anos, ‘Melodías da antigüidade’, ás 11.45 horas, e outro para adultos, ‘Ondas sonoras’, xa ás 18.00 horas.
A inscrición, habilitada a partir deste mércores 6
As persoas interesadas en asistir aos percorridos guiados polo Castelo de San Antón e as súas instalacións poderán solicitar praza a partir deste mércores 6 de novembro. As reservas efectuaranse exclusivamente por teléfono, no número 981 189 850, que está habilitado de 10.00 a 19.30 horas.

No referente aos obradoiros musicais, dado que tamén hai un límite máximo de prazas para cada sesión, o Concello habilitará mañá a súa plataforma de ticketing. No caso de ‘Melodías da antigüidade’, ideado para o público infantil, as reservas poderán efectuarse a través desta ligazón. E para participar no obradoiro ‘Ondas sonoras’, destinado ao público adulto, aquí.