Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente investirá máis de 3,8 millóns de euros na construción do tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros


O Consello da Xunta coñeceu hoxe o proxecto desta actuación, a primeira das obras previstas para a mellora do saneamento da ría do Burgo en tempo de choiva

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 3,8 millóns de euros na construción do tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros. Trátase da primeira das obras previstas para a mellora do sistema de saneamento da ría do Burgo en tempos de choivas intensas.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o proxecto desta actuación, que se prioriza co obxectivo de evitar as verteduras puntuais que se producen desde a rede á ría e, así, mellorar a calidade das augas.

Actualmente, se as choivas son intensas, a rede de saneamento de Oleiros que conecta coa Edar de Bens non pode xestionar o aumento puntual de caudal, provocando vertidos. A construción do tanque viría solucionar este problema.

En concreto, o proxecto recolle a execución das conducións, estruturas e instalacións necesarias para a construción do tanque, a mellora da rede de saneamento no contorno do parque Luis Seoane e conexión ao novo tanque e a demolición do actual bombeo e reurbanización da zona.

A previsión é que a finais deste mes se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación destas obras, que terán un prazo de execución de 18 meses.

Plan de saneamento local
A actuación inscríbese no Plan de saneamento local da ría do Burgo, que contén un exhaustivo estudo da situación dos elementos de saneamento arredor da ría. Nel, conclúese a inexistencia de verteduras en tempo seco e propóñense, por parte da Xunta, dúas actuacións para evitalos tamén en tempos de choiva: o tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros e a optimización da rede de saneamento do Temple. De feito, esta última actuación tamén se licitará este ano, e contará cun orzamento de preto de 2 millóns de euros.
A Xunta dá así un paso máis na mellora da ría do Burgo, unha prioridade estratéxica para o Goberno galego, tal e como demostran os máis de 100 millóns de euros que a Administración autonómica investiu na ría, e que xa teñen redundado na súa mellora.