Tuesday 05 de November de 2024

Canosa defende a igualdade como principio democrático na presentación de ‘Nosotras: El feminismo en la democracia’ de Carmen Calvo


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación introduciu a presidenta do Consello de Estado e autora do libro, destacándoa como unha “figura clave” no feminismo contemporáneo en España

A Fundación Luís Seoane acolleu esta tarde a presentación de ‘Nosotras: El feminismo en la democracia’, unha charla-coloquio coa autora, Carmen Calvo, coa que o Concello inicia as actividades polo 25-N.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, introduciu a presidenta do Consello de Estado e autora do libro, destacándoa como unha “figura clave” no feminismo contemporáneo e unha das voces “máis influentes no debate público sobre a igualdade e os dereitos das mulleres”. Canosa defendeu que, tal e como se refire no libro, o feminismo é un principio democrático pois “tal e como explica Carmen, o concepto de cidadanía está incompleto se non nos abarca a todos e todas en igualdade de condicións”.

Pola súa parte, Calvo sinalou que o obxectivo do libro é explicar a historia do feminismo desde a súa propia experiencia “con toda unha vida dedicada á causa común do feminismo porque non somos o singular, senón que somos o gran plural da historia humana”. A través do libro, a ex vicepresidenta reflexiona sobre a reformulación do machismo e as diferentes formas de violencia, cun capítulo centrado na autonomía corporal das mulleres: “falamos de ser donas dos nosos corpos, de ter a suficiente autonomía e seguridade sobre eles para desenvolver unha existencia como cidadás libres, cos mesmos parámetros ca os varóns”, expresou.

Deja un comentario