A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño lanzou a primeiros de outubro o convite para participar na mostra “Historias das nosas: arando na memoria”. A actividade, organizada co gallo do Día Internacional das mulleres rurais, propuña buscar fotos antigas que reflectisen dalgún xeito o papel da muller no desenvolvemento do concello e, despois, ir aos lugares onde se tomaron orixinalmente e volver sacalas superpoñendo co mesmo encadre as instantáneas vellas sobre os escenarios actuais. A finalidade da experiencia non era outra que reivindicar as mulleres como sustento do rural, ademais de propor unha reflexión colectiva sobre o paso do tempo, os dereitos conquistados e tamén os que aínda faltan por conquistar. O resultado son unha vintena de imaxes achegadas pola veciñanza que compoñen entre todas un retrato feminino e en feminino de distintas épocas do noso concello. A exposición pode visitarse no patio interior da Casa do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais.
A esencia da exposición fotográfica queda recollida á perfección no texto introdutorio redactado pola axente de Igualdade, Oriana López Castiñeira, para explicarlle ao público as motivacións e tamén o obxectivo último desta mostra construída pola propia veciñanza.
“E é que a historia dun territorio -explica o texto- é resultado do conxunto dos relatos das persoas que o habitan e só pode ser contada a través destas. A muller rural de San Sadurniño non é unha, non é un concepto fixo e uniforme que podamos definir facilmente. As nosas parroquias estiveron e están poboadas por moitas mulleres diferentes e únicas: pequenas, rapazas, adultas, vellas, labregas, gandeiras, levando tendas, bares, negocios de todo tipo, amas de casa, traballadoras do Concello…”
O cartel anunciador da exposición, pendurado a man esquerda segundo se accede á columnata do patio interior da casa consistorial, abrangue en poucas liñas os roles pasados e presentes das mulleres “que sosteñen e acompañan coidando, que traballan na casa e tamén fóra, pero tamén que folgan e que gozan de reunirse e pasalo ben. Mulleres rurais que loitan por ter aquí servizos, que terman das tradicións e da cultura local, que se esforzan por manter a rede veciñal e que traen innovación ao noso concello. Mulleres, en definitiva, diversas pero iguais”.
A mostra compóñena vinte imaxes achegadas por outras tantas veciñas e veciños que en boa parte dos casos participaron no obradoiro Tempos para compartir impartido por Kevin Lorenzo onde se explicou a técnica das fotos superpostas. Instantáneas que son “cachiños das vidas das mulleres do noso concello. Fragmentos do día a día que quedaron capturados mediante fotos e que retratan o día a dia das mulleres de San Sadurniño e das súas historias particulares. Historias que encadramos no presente a para poder ver como foron cambiando as vidas das nosas mulleres e do noso rural. Historias coas que tentamos arar na memoria fixando a olladada naquelas cousas que no día a día non pasamos desapercibidas: As historias das Nosas”.
Estas “Historias das Nosas: arando na memoria” poden descubrirse até fin de mes entre as columnas que soportan a Galería municipal (onde tamén podemos ver ata mediados de mes as acuarelas de Blanca Escrigas). De feito, a exposición fará de ponte de enlace entre o Día Internacional das mulleres rurais do 15 de outubro e o Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas do próximo 25 de novembro, que tamén contará cunha programación de actividades específica.
Vai tamén un aviso:
A Biblioteca Municipal de San Sadurniño modifica os seus horarios desde este mesmo luns.
Até novo aviso abrirá de luns a venres en horario de 10:30 a 14:00h e os martes e xoves de 15:00 a 19:00h.
A través das redes sociais tamén lle avanzamos á veciñanza que o servizo permanecerá pechado durante as vacacións escolares, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro.
O Concello prega escusas polos inconvenientes que estes cambios poidan causarlles ás persoas usuarias, agardando que a biblioteca e os clubes de lectura poidan volver á normalidade no prazo máis curto posible.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.