Thursday 21 de November de 2024

Persoal de Protección Civil e do servizo de augas saíu cara


Valencia para axudar nas zonas afectadas pola DINA

A campaña de recollida de produtos de hixiene e alimentos non perecedoiros continuará mañá martes e o mércores

Hoxe saíron con rumbo a Valencia dúas expedicións do Concello de Carballo con persoal e recursos técnicos que van axudar nas zonas afectadas pola DINA. O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, José Luis Barca; o concelleiro de Servizos, Miguel Vales, e o alcalde, Evencio Ferrero, explicaron en que vai consistir o operativo, que se desenvolve de xeito coordinado con efectivos de toda Galicia.

O convoi que arrincou de Carballo a primeira hora da mañá está integrado por cinco voluntarios do noso concello, entre eles o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto, e catro de Muxía, aos que se sumaron posteriormente outras oito persoas procedentes de Val do Dubra, Boiro e Mazaricos. Estes 17 voluntarios son os primeiros da provincia da Coruña en desprazarse á zona afectada, pero Luis Barca explicou que está previsto facer relevos cada cinco ou seis días, e que “hai listaxe de agarda, porque é moita a xente que quere axudar”.

Ademais do persoal, a expedición conta con dous vehículos todo terreo, unha bomba de achique eléctrica e dúas a gasolina, un xerador, tendas de campaña, equipo de iluminación, motoserras, material de limpeza e baldeo e comida. “É moi importante que sexamos autónomos”, engadiu Barca Añón. Nese sentido, a agrupación de Muxía achega os fogóns que se usaron durante a catástrofe do Prestige, que permitirán preparar as comidas diarias para unhas cincuenta persoas.

Hoxe tamén partiron do parque empresarial de Bértoa dous voluntarios do servizo municipal do ciclo integral da auga, coordinados, a través da empresa concesionaria, Gestagua, coas autoridades valencianas. Benigno López e Víctor Villanueva levan ata a zona afectada un camión de saneamento e unha pick up dotados con bomba, grupo electróxeno, equipos de protección, medidor de gases, palas, cepillos… “e ganas”, aseguraron. O seu traballo consistirá en reparar os danos causados pola acumulación de lodo nas redes de sumidoiros e saneamento, que constitúe un importante problema nestes momentos.

Ao mesmo tempo, hoxe comezou a recollida dos produtos solicitados ao noso concello pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias, fundamentalmente alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene. As doazóns nesta primeira xornada foron enormes, froito, como destacou Miguel Vales, “da solidariedade que caracteriza ao pobo de Carballo”. En principio, a recollida continuará mañá martes pola mañá tanto na casa do concello coma no Fórum, e o mércores pola tarde no Fórum Carballo. A partir do mércores non se recollerán máis produtos, xa que desde a zona afecta solicitan agora, sobre todo, medios humanos e mecánicos profesionais e doazóns en metálico a través das contas abertas por distintas ONG. De todos os xeitos, desde o Concello de Carballo informarase a diario “sobre as necesidades que se nos vaian trasladando ou sobre o cese dos envíos”, indicou o concelleiro de Servizos.

O alcalde insistiu en que o importante ante unha catástrofe como a que se está a vivir no Levante non son as palabras senón os feitos, e nese sentido Evencio Ferrero puxo en valor e agradeceu “a solidariedade” dos carballeses e carballesas.