Tuesday 03 de December de 2024

Belén do Campo anuncia un investimento de máis de 157.000€ para as obras de conservación da Igrexa de San Martiño de Rodís en Cerceda


A delegada da Xunta na Coruña que o obxectivo desta intervención é mellorar o estado de conservación deste ben inmoble incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Ares, visitou a igrexa de San Martiño de Rodís en Cerceda para anunciar un investimento de máis de 157.000 euros, en dúas anualidades entre o anos 2024 e 2025, para a rehabilitación da cuberta promovida pola arquidiocese de Santiago de Compostela a través dun convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A obra consistirá no desmontaxe do falso teito de madeira para levar a cabo posteriormente a execución da cuberta da nave con madeira e cobertura de tella curva sobre placas de fibrocemento, limpeza de vexetación nos muros e encintado das xuntas entre as pedras de coroación dos muros con morteiro de cal hidráulica.

Tamén se levará a cabo a substitución da cobertura do presbiterio cunha nova cobertura de tella sobre placas de fibrocemento sobre a estrutura existente e na zona do coro realizarase a substitución da sub-estrutura de madeira colocando novos pontóns e viguetas de madeira laminada mantendo as vigas principais existentes. A actuación tamén contempla a incorporación dun novo capitel de cantería para nivelar apoio, a renovación do pavimento de madeira e unha nova escaleira de acceso ao coro en estrutura metálica cunha nova varanda.

Finalmente o proxecto inclúe a reforma a instalación de electricidade afectada polas obras e a adecuación do cadro eléctrico e posta a terra e a instalación dun pararraios no campanario coas correspondentes tomas de terra. Asemade está prevista a protección dunha pintura mural, situada detrás do retablo do presbiterio, recentemente descuberta, para que non resulte afectada negativamente polas obras

Belén do Campo destacou que o obxectivo desta intervención é mellorar o estado de conservación deste ben inmoble incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. A igrexa de San Martiño de Rodís é un edificio de orixe medieval que constitúe o lugar de culto principal da parroquia.
A delegada da Xunta puxo en valor esta restauración, “tanto polo valor da igrexa desde o punto de vista cultural como pola implicación da veciñanza na súa conservación”. “O noso obxectivo é conservar bens tan singulares como este para que poidan gozar deles non só a presente xeración, senón tamén as próximas”, afirmou.

A igrexa de San Martiño de Rodís é un templo de estilo románico. A planta é de unha nave cun presbiterio destacado en planta e en alzado. Construída en cantería de granito ben labrada e con pedras con formas regulares ben traballadas nas zonas nas que se actuou no século XVIII.