O Goberno de Inés Rey promove deste xeito o desenvolvemento de actividades de diferentes clubs e entidades, triplicando desde o 2019 a contía total da subvención
O Concello da Coruña fixo público nos últimos días a resolución definitiva das subvencións de concorrencia competitiva dirixidas a entidades deportivas sen ánimo de lucro da cidade. Esta liña de axudas promovidas polo Goberno de Inés Rey contan cunha contía total de 400.000 euros, que triplica a que se asignaba no 2019.
“A nosa alcaldesa está plenamente comprometida co tecido deportivo da cidade e mostra diso son estas axudas, que lle permiten a moitas persoas e entidades participar en competicións de todo tipo e planificar a súa tempada”, sinala Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Un total de 64 entidades da cidade obtiveron ditas axudas, que están divididas desde esta convocatoria en catro liñas, atendendo as necesidades e particularidades de todo o tecido deportivo coruñés.
A primeira delas é a actividade deportiva federada, á que se destinará un 37,5% do orzamento (ata 150.000 euros). A segunda é a actividade física ou deporte non federado, que contará cun 12,5% da contía total (ata 50.000 euros). A terceira opción é a de campamentos e campus, con outro 12,5% e ata 50.000 euros asignados. Por último, tamén se tiveron en conta actividades deportiva de carácter extraordinario, cun orzamento asignado do 37,5% do total e ata 150.000 euros. Esta categoría inclúe a organización de eventos deportivos e competicións na cidade e, en caso de estar xustificado, fóra do termo municipal.
O Concello atende, ano tras ano grazas a estas axudas, á diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol sala, balonmán, atletismo, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo ou tiro con arco, entre outros. Coa adxudicación destas axudas, o Concello reforza o seu compromiso co tecido deportivo da cidade, dándolle continuidade á rede de axudas a entidades deportivas con sede no municipio e cumprindo co obxectivo do Goberno de Inés Rey de acadar un modelo de cidade máis activo, saudable e referente en actividades deportivas.