A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, presentou a imaxe e actividades que incluen charlas, obradoiros, teatro e cine
Entre os eventos programados destaca a proxección do filme “Soy Nevenka”, de Icíar Bollaín, o 21 de novembro en Cantones Cines
Esta mañá tivo lugar a presentación oficial das actividades organizadas polo Concello da Coruña para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o próximo 25 de novembro. Baixo o lema “Non hai escusas” a programación deste ano busca, en palabras da concelleira de Bestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, “invitar á reflexión, ao debate e, sobre todo, á acción de diversos axentes sociais e desde diversos espazos”.
A programación inclúe un total de 14 actividades que se desenvolverán desde hoxe ata o 30 de novembro, ofrecendo charlas, obradoiros, teatro e cine. Tal e como indicou Canosa, “a través destas accións queremos chegar a todas as idades e perfís, desde a infancia ata a mocidade e a cidadanía en xeral, coa firme convicción de que cada un ou cada unha de nós pode xogar un papel fundamental na eliminación da violencia contra as mulleres”.
As actividades arrincan esta mesma tarde coa presentación-coloquio do libro ‘Nosotras: El feminismo en la democracia’, de Carmen Calvo, ás 19.00 horas na Fundación Luís Seoane. Continuará esta mesma semana coa representación teatral ‘Mulleres que viven soas’ de Paula Carballeira, o 8 de novembro ás 20.30 horas no Fórum Metropolitano, unha peza que mestura teatro documental e comedia para dar voz ás mulleres.
Así mesmo, o día 25 de novembro terá lugar unha concentración na Praza de Pablo Iglesias en memoria das vítimas da violencia de xénero, organizada pola Plataforma pola Igualdade e Contra a Violencia de Xénero do Castrillón. “Gardaremos un minuto de silencio e leremos textos en homenaxe ás vítimas, un momento de reflexión e de solidariedade con aquelas que xa non están”, engadiu Canosa.
Ademais, o mesmo día realizarase a tradicional andaina desde a explanada de Riazor, ás 12.00 horas, rematando coa formación dun lazo humano como símbolo de apoio ás supervivintes e ás súas familias.
Entre os eventos programados destaca a proxección do filme “Soy Nevenka”, o 21 de novembro en Cantones Cines así como as conversas con Sindy Takanashi e Jesús Moreno, con dúas citas o 22 de novmebro: pola mañá na Facultade de Socioloxía para alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e FP e pola tarde, na Fundación Paideia, aberta ao público. Ambos conversarán sobre a iniciación á sexualidade e a educación cara ás relacións sás e en igualdade.
“Cada unha destas actividades é unha oportunidade para construir, debater, concienciar e avanzar. Sabemos que a loita contra a violencia de xénero é un camiño longo e complexo, pero hoxe reafirmámonos en que ‘non hai escusas’ e que estamos comprometidos e comprometidas para percorrer cada paso”, conclúe Canosa.
PROGRAMACIÓN COMPLETA 25N
Presentación-coloquio do libro “Nosotras: El feminismo en la democracia” de Carmen Calvo
● Data: 4 de novembro
● Horario: 19.00 h
● Lugar: Fundación Luís Seoane
● Público: Recomendado a partir dos 16 anos
Representación teatral “Mulleres que viven soas” de Paula Carballeira
● Data: 8 de novembro
● Horario: 20.30 h
● Lugar: Auditorio Fórum Metropolitano
● Público: Público xeral
Proxección do filme “Soy Nevenka” de Icíar Bollaín
● Data: 21 de novembro
● Horario: 19.00 h
● Lugar: Cantones Cines
● Público: Público xeral, entrada de balde (entradas dispoñibles no Centro Cívico de Monelos desde o 11 de novembro)
Conversa co alumnado: “Como inflúe a pornografía na nosa sexualidade?” con Sindy Takanashi e Jesús Moreno
● Data: 22 de novembro
● Horario: 10.00 h
● Lugar: Facultade de Socioloxía
● Público: Alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e FP do municipio
Conversa aberta: “A iniciación á sexualidade e a educación en igualdade” con Sindy Takanashi e Jesús Moreno
● Data: 22 de novembro
● Horario: 19.00 h
● Lugar: Fundación Paideia
● Público: Público xeral ata completar aforo
Teatro-fórum: “DeSexo” sobre educación afectivo-sexual na adolescencia
● Data: 26 de novembro
● Horario: 10.00 h
● Lugar: Centro Cultural Ágora
● Público: Alumnado de 3º da ESO do Concello
Obradoiros interculturais na Escola Intercultural da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI)
● Datas e horarios:
○ Educación Infantil: Obradoiro “Árbore da non violencia” (26 de novembro, 17.30 h) ○ Educación Primaria: Obradoiro “O chubasquero de Aurora” (25 de novembro, 18.15 h)
○ Educación Secundaria: Obradoiro “Desenmascarando el control” (25 de novembro, 19.30 h)
● Lugar: Centro Social Sagrada Familia
● Público: Público infantil, primario e secundario
Concentración “Pola Convivencia sen Violencia” en homenaxe ás vítimas
● Data: 25 de novembro
● Horario: 11.00 h
● Lugar: Praza de Pablo Iglesias
● Público: Público xeral
Andaina e lazo humano pola solidariedade e apoio ás vítimas
● Data: 25 de novembro
● Lugar: Explanada de Riazor
● Público: Público xeral
Charla-taller “A detección e a prevención das violencias machistas”
● Data: 27 de novembro
● Horario: 11.00 – 13.00 h
● Lugar: Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso
● Público: Alumnado do centro (20-22 anos)
Actividades educativas nos espazos de atención á infancia
● Datas: 18 ao 30 de novembro
● Horario: 15.00-20.30 h, segundo cada centro
● Lugar: Centros Cívicos de Castrillón, Rosales, Monte Alto, Novo Mesoiro, Os Mallos e Palavea
● Público: Menores de 3 a 12 anos
Conversa “A educación emocional para formar relacións de parella sás” con Elsa Punset e Paula Cons
● Data: 30 de novembro
● Horario: 18.00 h
● Lugar: Paraninfo da UDC
● Público: Público xeral ata completar aforo