A entrada aos tres museos será gratuíta todas as xornadas
A Semana da Ciencia 2024 nos Museos Científicos Coruñeses terá, como no pasado ano, 9 días consecutivos de entrada gratuíta, nos que o público poderá gozar das exposicións interactivas dos tres centros, que abrirán todos os días de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus. O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa fomentar a divulgación científica entre a cidadanía, apostando pola excelente oferta dos seus Museos Científicos.
“Os nosos Museos son sempre motivo de orgullo polo que aportan á cidadanía e estes días queremos abrilos a todo o mundo para amosar todo o traballo que levan a cabo a diario”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Para visitar eses días o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta páxina. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan. En calquera caso, as entradas estarán limitadas por un control de espazo.
A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa e sempre que a capacidade non estea completa. Para asistir a unha das sesións de planetario das fins de semana na Casa das Ciencias si hai que realizar unha reserva de entradas nesta ligazón, que poderá facerse a partir das 09.00 horas do día anterior á sesión.
Programación de planetario da fin de semana:
● 11.30 – Polaris (+ 7 anos, castelán)
● 13.00 – Lévame á Lúa (+ 8 anos, galego)
● 17.00 – Hazelnuts (4 a 7 anos, galego)
● 18.00 – Directo (+ 10 anos, cast/gal)
Ademais, de luns a venres haberá unha sesión de planetario en directo, dirixida a persoas maiores de 10 anos, para a que non hai que reservar entrada con antelación. Repartiranse invitacións para esta sesión a partir de media hora antes do seu comezo, por orde de chegada, entregando un máximo de 2 invitacións por persoa.
A Semana da Ciencia terá ademais un acto destacado, a entrega dos XXXVII Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, que terá lugar no salón de plenos do Concello da Coruña o sábado 16 de novembro.
Concerto no Aquarium Finisterrae
E para clausurar a semana, o domingo 17 terá lugar no Aquarium Finisterrae, ás 17.00 horas, un concerto do grupo EntrElas. A este concerto poderán asistir as persoas que reservasen entradas para o Aquarium Finisterrae para este día e nese horario.
EntrElas GrupoVocal constitúese como grupo a finais do 2011 na Coruña. Xorde coa intención de levar as voces femininas á música do noso tempo, abarcando gran variedade de xéneros. As súas integrantes, dez na actualidade, elevan desde A Coruña as súas voces para ofrecer a súa particular versión de temas actuais e atemporais. Trátase dun grupo formado exclusivamente por voces femininas, con distintas tesituras, que cantan a capela.