Thursday 21 de November de 2024

O Concello premia a cinco negocios con 6.500 euros  no concurso de escaparatismo de Samaín 


O Recuncho Floral, Nina Sardina e Tu flori foron os mellores locais desta  edición 

O Recuncho Floral, Nina Sardima, Tu flori, Forever Young  Estética e La Petite Arte Floral foron os cinco establecementos gañadores, nesa orde, do  concurso de escaparatismo de Samaín, organizado un ano máis polo Concello co obxectivo  de fomentar o consumo entre o comercio local e conmemorar esta celebración, que cada ano  vai medrando na cidade. 

“O Goberno de Inés Rey busca mediante campañas como a deste Samaín dinamizar a  economía local, invitando á cidadanía a participar das celebracións e acudir aos negocios  participantes, que este ano superaron os cen”, dixo a concelleira de Emprego, Comercio e  Mercados, Diana Cabanas. Nesta edición do concurso de escaparatismo os cinco  establecementos gañadores repártense 6.500 euros de premio. O escaparate gañador, O  Recuncho Floral, acadou un premio de 2.500 euros, mentres que o segundo e o terceiro  conseguiron 1.500 e 1.000 euros. Completan a lista o cuarto e quinto con 750 euros cada un. 

Un xurado acudiu a cada un dos locais participantes desde o pasado 15 de outubro e valorou  a decoración dos negocios de 1 a 10 puntos en base a diferentes criterios: ambientación  relacionada coa festividade, orixinalidade, complexidade e proporción da montaxe e estética. 

O concurso de escaparatismo de Samaín forma parte das actividades organizadas polo  Concello para conmemorar esta data e que implicaron a comercio local e centros educativos.  Celebráronse pararrúas, concursos de disfraces e talleres infantís durante as últimas  semanas.