Friday 22 de November de 2024

Alumnos do CEIP de Centieiras achéganse ás “Metáforas visuais” de Román Montesinos


Cento trinta nenos e nenas do colexio fenés de Centieiras (70 de Infantil e 60 de Primaria) visitaron onte no Museo do Humor de Fene a exposición “Metáforas visuais”, do fotógrafo coruñés Román Montesinos. A actividade, organizada polas mestras de educación infantil, encádrase nun proxecto sobre a choiva que se está a desenvolver neste colexio ao longo do presente curso e que parte da idea de que “non hai mal tempo senón roupa que non abriga”.
Organizados en varios grupos, os/as alumnos/as de Centieiras percorreron a exposición, moi atentos ás explicacións que lles daba o autor das fotografías, Román Montesinos, que non se quixo perder esta visita escolar.
Adoptando o papel de guía da exposición, Román Montesinos explicou aos pequenos/as o que é unha metáfora, o significado das súas “metáforas visuais” e atendeu a todas as súas preguntas e curiosidades. Ao remate da visita, o fotógrafo valorou a experiencia como moi positiva. Para Montesinos, “os nenos teñen unha mente moi flexible e moita imaxinación para asociar obxectos”. Por iso, engadiu, “penso que os meus traballos poden servir para que os pequenos poidan facer logo as súas propias composicións”.
Segundo unha das impulsoras da iniciativa, a mestra Ana Herreros, a visita á exposición de Román Montesinos concebiuse coma un complemento máis do proxecto artístico “Se chove que chova” que está en marcha na actualidade no colexio Centieiras e que concluirá, seguramente antes da Semana Santa, cunha exposición realizada polos propios alumnos. Pola súa parte, o director do centro fenés, Antón Pena, quixo agradecer a colaboración prestada polo fotógrafo Román Montesinos (quen se desprazou expresamente ata Fene para atender esta visita escolar).