A alcaldesa, Inés Rey, despediu aos efectivos e subliñou o compromiso de solidariedade da Coruña coa cidadanía de Valencia
O Concello da Coruña, en resposta á situación de emerxencia derivada da DANA en Valencia, enviou hoxe un equipo de 12 bombeiros e cinco vehículos para colaborar nas tarefas de rescate e asistencia, a disposición da Generalitat Valenciana e en coordinación coa Xunta de Galicia. A alcaldesa, Inés Rey, despediu aos efectivos e subliñou o compromiso de solidariedade da Coruña coa cidadanía de Valencia ante os feitos acontecidos: “Quero agradecer a solidariedade de todos os coruñeses nestes días cos afectados pola DANA en Valencia, desmostrando unha vez máis o noso carácter solidario” sinalou.
Os profesionais desprazados levan consigo cinco vehículos especializados, incluíndo un autobús, vehículos de intervención rápida (BNP 32 e BLC 66), un vehículo de apoio loxístico (FUV 64), e unha furgoneta. Ademais, transportan equipos e materiais, que inclúe xeradores e bombas de auga para actuar en áreas inundadas, ferramentas hidráulicas e de rescate, como unha pinza multiusos, cizalla hidráulica e equipos para rescate en altura.
Tamén material para operacións de corte e desbroce, como motoserras de batería e de gasolina, picos e cepillos e equipos de protección individual e loxística como explosímetros, traxes desbotables, mochilas de rescate, ERAS, e dispositivos de comunicación. Así mesmo, transportan material necesario como auga e máscaras de tipo FFP2 para o seu reparto. “Poranse a disposición do mando avanzado en Valencia para as labores de rescate, limpeza e todo aquelo que sea preciso”, explicou a rexedora. “Quero agradecer aos bombeiros que se presentaron voluntarios para desplazarse e axudar nestes momentos tan duros”, indicou Rey.