Sunday 24 de November de 2024

Un total de 680 estudantes de Bacherelaro e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais da Xunta neste curso


— As prazas están destinadas a estudantes procedentes de localidades onde non exista a oferta académica que cursan, nin teñan a posibilidade de desprazarse

— Os usuarios seleccionados acceden a unha praza de balde ou pagando unha taxa subvencionada cuxa contía varía en función da renda familiar

Un total de 680 estudantes de Bacharelato e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais docentes da Xunta este curso 2024-2025, repartidas entre os centros da Coruña (situado en Culleredo), Ourense e Vigo.

O Goberno galego inviste arredor de un millón de euros nestes centros, que teñen como obxectivo facilitar a residencia fóra do seu fogar a alumnos de estudos postobrigatorios non universitarios, fundamentalmente Bacharelato e FP.

En concreto, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concedeu 303 prazas na Coruña, 194 en Vigo e 183 en Ourense. Deste xeito, os centros residenciais docentes xestionados polo Goberno galego acadan un 92% de ocupación, en termos moi similares ao curso pasado, cando obtiveron praza 654 estudantes.

Os centros residenciais docentes acollen preferentemente a estudantes matriculados en ensinanzas que non se imparten en ningún centro da localidade onde reside a súa unidade familiar, nin tampouco noutros concellos próximos que lles permitan desprazarse con facilidade a diario.

Igualdade de oportunidades
Os beneficiarios destas prazas acceden ao servizo de residencia de forma completamente gratuíta ou con condicións bonificadas. Neste último caso, o estudante deberá aboar unha cota vinculada á porcentaxe na que a renda da unidade familiar supere o limiar establecido con diferentes tramos en función desa porcentaxe

Entre os criterios de valoración utilizados destacan os datos socioeconómicos, a composición familiar, a renda, a condición de discapacidade ou desemprego e o rendemento académico, de acordo coas baremacións establecidas na convocatoria.

Con esta medida, a Consellería de Educación promove que Galicia funcione como un distrito único, garantindo que o alumnado poida acceder ás mesmas oportunidades educativas, independentemente do lugar de procedencia. Desta maneira, facilítase o acceso á formación a estudantes que deben escolarizarse en localidades diferentes ao seu domicilio habitual e non teñen opción de desprazarse a outro concello próximo.